As vítimas do accidente do Alvia, "decepcionadas" tras o encontro con Ana Pastor

A ministra de Fomento, Ana Pastor, na súa comparecencia en comisión para falar do accidente © Congreso

A principal asociación de vítimas e familiares de vítimas do accidente do Alvia, Plataforma Víctimas Alvia 04155, reuniuse este xoves coa ministra de Fomento, Ana Pastor. Un encontro do que saíron "decepcionados e igual de indignados", segundo destacou un dos seus voceiros, Jesús Domínguez, que lle advertiu á ministra de que "a verdade" sobre o caso, cando se coñeza, "irá na súa contra". 

Cinco eran as súas demandas: A entrega antes de 10 días do informe psicotécnico del maquinista e o cese inmediato do responsable en RENFE de que ese documento non lle fora entregado ao xuíz. A creación dunha Comisión de Investigación Parlamentaria onde se depuren responsabilidades políticas. A publicación de información dos expedientes e contratos administrativos do treito Ourense-Santiago, incluíndo as subvencións da UE. O Cesamento inmediato de Ferré Moltó e Gómez-Pomar, presidentes de ADIF e ex-presidente de RENFE, respectivamente. E, por último, unha "solución inmediata aos diferentes problemas persoais das vítimas e familiares", relativos a "gastos médicos, terapéuticos e outros relacionados que levan meses sen atenderse".

Nin un só avance en canto ás demandas de máis información e transparencia, nin sobre as peticións de ceses dos responsables de ADIF e RENFE no momento do accidente nin sobre a Comisión de Investigación que as vítimas levan meses reclamando

Porén, da xuntanza, na que tamén participou o actual presidente de Renfe, Pablo Vázquez, recibiron pouco máis que boas palabras, unha desculpa de Vázquez e o compromiso de Ana Pastor de que se mellorará a atención aos afectados do Alvia. Nin un só avance en canto ás demandas de máis información e transparencia, nin sobre as peticións de ceses dos responsables de ADIF e RENFE no momento do accidente nin sobre a Comisión de Investigación que as vítimas levan meses reclamando.

A entidade subliña que ano e medio despois do sinistro "tras coñecerse informes periciais que demostran neglixencias, falta de avaliación de riscos, asunción de riscos intolerables e enganos, aínda no se deu ningunha explicación convincente das causas por parte dos responsables políticos, nin se produciu ningunha dimisión nin cese de quen estaban e están á fronte do Ministerio de Fomento nin de ADIF e RENFE". Jesús Domínguez salienta que "ademais das responsabilidades xudiciais, que as hai e que tardarán en resolverse, hai tamén responsabilidades políticas, porque falamos de empresas públicas". De igual xeito, critican que varias das persoas que sinalan como responsables non só non foron castigadas, senón que polo contrario foron "premiadas" con novos cargos ou con ascensos, coma no caso de Julio Gómez-Pomar (antigo presidente de Renfe e agora secretario de Estado de Infraestruturas).

Os representantes da asociación amosáronlle tamén á ministra de Fomento un vídeo no que destacan as contradicións nas que, din, Ana Pastor incorreu dende o sinistro, e as grandes diferenzas entre as promesas que realizou no Congreso e a realidade. "O meu obxectivo é que se saiba toda a verdade sobre o que ocorreu, e evitar que un accidente tan terrible coma este volva suceder. É o noso deber coas vítimas e teñen o meu compromiso de que non descansarei ata coñecer a verdade", afrmou Pastor. Porén, dende as vítimas seguen denunciando numerosos "ocultamentos" sobre distintos aspectos sobre o sinistro, as súas causas e as condicións da liña e do tren. "Non imos parar, seguiremos loitando sós e cando se saiba a verdade vai ir na súa contra", afirmou Jesús Domínguez.

Ana Pastor, ministra de Fomento © Goberno de España
Protesta das vítimas na Praza do Obradoiro © Plataforma de vítimas do Alvia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.