As vítimas do Alvia demandarán "responsabilidades políticas" o 24 en Compostela

Concentración das vítimas do accidente do Obradoiro, o pasado ano © Plataforma Víctimas Alvia 04155

Este venres 24 de xullo farán dous anos do accidente do Alvia en Angrois que acabou coa vida de 81 persoas en 2013. Coincidindo con este segundo aniversario, a Plataforma Víctimas Alvia 04155, que agrupa a maioría de vítimas e familiares, concentrarase na praza do Obradoiro de Compostela, demandando a depuración de responsabilidades políticas polo sucedido e denunciando "o trato humillante" que están recibindo "por parte do Goberno do PP, do PSOE e dalgunhas institucións públicas, xerando, aínda se cabe máis dor nas vítimas".

Unha das súas principais reivindicacións é a creación dunha Comisión de Investigación Parlamentaria no Congreso, un órgano cuxa constitución foi proposta por forzas coma o BNG ou a Esquerda Plural, pero que conta coa oposición de PP e PSOE. "Que é o que temen?  Que pretenden ocultar? É isto transparencia e rendición de contas?", pregúntase a plataforma.

Unha das súas principais reivindicacións é a creación dunha Comisión de Investigación Parlamentaria no Congreso

Esixen "responsabilidades políticas", criticando que o maquinista apareza "como único responsable". Sinalan que "hai apenas dous meses o perito independente César Mariñas ratificaba no xulgado a rebaixa en materia de seguridade que sufriu a liña Ourense-Santiago e os incumprimentos en normativa de seguridade ferroviaria, cualificando o accidente de 'previsible' tendo en conta a  normativa actual e o estado do coñecemento técnico no sector". Neste senso, acusan as administracións de mentir "gravemente" sobre a Liña de Alta Velocidade Ourense-Santiago cando se asegurou que "contaba con maior seguridade, a última tecnoloxía e sistemas de condución automática".

Así mesmo, critican que "ningún responsable político dimitiu e para humillación das vítimas algúns foron mesmo premiados". Citan os exemplos do antigo secretario de Estado de Infraestruturas, Rafael Catalá, que foi nomeado ministro de Xustiza; o do presidente de Renfe, Julio Gómez Pomar, agora secretario de Estado de Infraestruturas; o do ex ministro José Blanco, "que inaugurou a liña de forma apresurada e sen a procedente análise de riscos", agora eurodeputado; ou o do novo presidente de Renfe, Pablo Vázquez, antigo presidente de Ineco, responsable da homologación do tren. Ademais, sinalan que o presidente de Adif, Gonzalo Ferré, "continúa no seu cargo a pesar de mentir en sede parlamentaria".

Láianse tamén do "trato inhumano" recibido por parte do presidente da Xunta "que nos recibiu cos Antidisturbios cando nos negabamos a recibir unhas medallas que non queriamos"

Láianse tamén do "trato inhumano" recibido por parte do presidente da Xunta "que nos recibiu cos Antidisturbios cando nos negabamos a recibir unhas medallas que non queriamos". E denuncian, igualmente, que o Estado "non protexe nin defende as vítimas", criticando a actuación do Fiscal Antonio Roma "que só defende os intereses de Adif e Renfe, recorrendo por dúas veces as imputacións do xuíz a altos cargos destas empresas públicas" ou a "falta de colaboración" coa Xustiza de Renfe e Adif.

Critican o estancamento do proceso xudicial, cunha investigación que "leva case un ano parada co cambio do novo xuíz"

Así mesmo, critican o estancamento do proceso xudicial, cunha investigación que "leva case un ano parada co cambio do novo xuíz, a pesar de que existen moitos argumentos para novas imputacións e para que declaren os responsables de seguridade de Renfe e Adif".

A Plataforma esixe "verdade, transparencia e xustiza" e destaca que o accidente podería ter sido evitado

A Plataforma esixe "verdade, transparencia e xustiza" e destaca que o accidente podería ter sido evitado e que "varias decisións do goberno anterior (PSOE) e do actual (PP) comprometeron a seguridade dos viaxeiros" e que "intereses comerciais e políticos antepuxéronse á seguridade das persoas". Destacan, en concreto, como factores determinantes, o cambio do proxecto orixinal en 2010 (sendo ministro José Blanco), a desconexión do sistema de condución automática ERTMS en xuño 2012 (sendo ministra Ana Pastor), ou o feito de ter ignorado a advertencia de perigo do xefe de Maquinistas de Ourense, José Ramón Iglesias Mazaira, o 26 de decembro de 2011.

Concentración das vítimas do accidente do Obradoiro, o pasado ano © Plataforma Víctimas Alvia 04155

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.