Así é o megaproxecto de batata que prevé instalarse na Costa da Morte

Recreación dunha futura planta de Termo-Biológicas © Termo-Biológicas

Malia as cláusulas de confidencialidade que a empresa dixo asinar cos concellos aos que presentou a iniciativa, os detalles sobre o megaproxecto de xeración de biocombustibles na Costa da Morte a partir da plantación de batata vanse coñecendo. Ensombrecida pola polémica que arrodeou aos seus impulsores en proxectos semellantes rexeitados noutras comunidades, Termo-Biológicas promete un investimento na súa fase inicial en Coristanco e arredores de máis de 320 millóns de euros e a creación de máis de 2.000 empregos directos. 

O proxecto inicial presentado prevé un investimento de 320 millóns e a creación de 2.000 empregos directos

Cando menos esas son as cifras que a compañía -cuxa matriz é Lysply, con sede en Panamá- detallou no informe presentado a unha das administracións locais e á que tivo acceso Praza Pública. O documento, no que se explica con amplitude o proxecto previsto, refírese á súa base en Coristanco e en concellos achegados, aínda que está aberto a estenderse aínda máis aló. Prevé a instalación da industria en 20 hectáreas do polígono industrial deste municipio e varias plantacións en 300 hectáreas máis de uso agrícola que poderían multiplicarse de chegar a acordos con máis propietarios e administracións locais, aínda que algunhas delas xa aclararon que os contactos con Termo-Biológicas limitáronse tan só a unha presentación da iniciativa sen compromiso ningún. 

O terreo mínimo que prevé Termo-Biológicas é de 20 hectáreas nun polígono de Coristanco e 300 hectáreas para plantacións

Tal e como se aclara no informe, esta "nova industria mixta", a partir dun proceso combinado con sol, auga e carbón e/ou batata, "dá como resultado a produción de alcois menores con metanol, etanol, butanol, acetona, hidróxeno; combustibles industriais (gasolinas, biogasolinas e gasoil), e a sumatoria de todos eles en reacción química catalítica, combustibles de 32 Mj". O produto final, estes combustibles industriais, almacenaranse en seis depósitos de 5.000 metros cúbicos.

Pero antes precísanse grandes plantacións de pataca doce, unha produción de 1.200 toneladas por cada hectárea dispoñible, segundo os cálculos de Termo-Biológicas. E para estas plantacións, así como para o funcionamento da parte industrial, a necesidade de auga é masiva. Segundo este informe, que non inclúe todos os terreos agrícolas previstos, 27.000 millóns de litros ao ano -para o que requiriría unha concesión de Augas de Galicia-, así como un consumo de carbón de 1,5 millóns de toneladas anual. 

O megaproxecto requiriría, como mínimo, o uso de 27.000 millóns de litros de auga ao ano

 

"Obter todos os beneficios das administracións"

Malia a magnitude, a compañía advirte no informe que "todo está deseñado para non danar o ecosistema", con infraestruturas 2inocuas ao medio ambiente, respectando paisaxes, fauna e vexetación características da zona". "A zona proposta é axeitada para a implantación da industria combinada ao non supor un dano medioambiental", insiste a firma, que afronta as dúbidas de grupos ecoloxistas que advirten tamén do elevado uso de auga nunha comarca que neste mesmo verán xa ten problemas coa seca. 

Ademais, Termo-Biológicas tamén deixa claro na presentación do seu proxecto que procura "obter todos os beneficios que conceden a administración local, autonómica, estatal e comunitaria", así como todas as "axudas e beneficios fiscais da Administración, incentivos á produción, incentivos ao carbón (no caso de utlización de carbón nacional), incentivos á non contaminación e financiamento interior e exterior".  

Termo-Biológicas defende o seu "impacto ambiental mínimo" e o "impacto moi positivo sobre diferentes sectores" da zona

A compañía destaca tamén que esta "nova industria mixta" presenta "un impacto moi positivo sobre diferentes sectores". Asegura que "favorece o cumprimento da directiva europea 2010/31/UE que ten como principal obxectivo reducir un 20% o consumo enerxético para o 2020" e que "permitiría producir un impacto positivo no sector industrial e naval, ao ser necesarios millóns de quilos de aceiro". Ao tempo, di que "se mellora o sector agrícola, moi castigado en España, créanse novos postos de traballo -coa consecuente diminución do paro e aumento das arcas do Estado" e insiste en que o proxecto ten "un impacto ambiental mínimo aceptable".

"Por todo isto, parece moi conveniente o apoio das institucións ao desenvolvemente e implantación da devandita industria", remata o documento sobre un megaproxecto que, tal e como se aclara, precisa do visto e prace dunha morea de administracións, incluída Portos de Galicia, xa que os peiraos de Laxe e Cee serían os destinados para a carga do carbó e do produto xa rematado. Ademais, en ampliacións posteriores, Termo-Biológicas tamén busca espazos no porto exterior da Coruña. 

Recreación dunha futura planta de Termo-Biológicas © Termo-Biológicas

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.