Así sería Lugo pensado para as bicicletas

Proposta de vías de ciclistas formulada no estudo © Concello de Lugo

Circular en bicicleta polas cidades galegas segue a ser, agás excepcións -caso por exemplo do centro de Pontevedra-, unha actividade de alto risco. A aposta pola bicicleta como vehículo de uso cotián, alén do lecer e da práctica deportiva puntual, é unha prolongada reivindicación diversos colectivos como Masa Crítica e outros, que vén nas dúas rodas unha vía para mudar a mobilidade dos espazos urbanos en xeral, priorizando as persoas sobre os coches e reducindo, asemade, as emisións contaminantes. Reivindicacións coma estas, pero tamén estudos como o Libro Branco do Transporte da Comisión Europea (2011) ou o Urban Mobility Package (2013), así como o Plan Director de Mobilidade Alternativa de Galicia (2013) están por tras dun proxecto para dotar a cidade de Lugo de ata 65 quilómetros de vías ciclistas, que o Concello ten sobre a mesa dende hai un ano e que agora di estar disposto a comezar a despregar.

O proxecto proposto ao Concello contempla 65 quilómetros de "itinerarios ciclistas, non carrís bici"

Este Proxecto de Promoción da Bicicleta, coordinado polo enxeñeiro de camiños Jesús Martínez, propón reorientar a mobilidade na cidade da Muralla cara a unha "cultura da bicicleta" que, cun ollo posto nas infraestruturas e outro na adaptación da veciñanza, permita desprazarse por toda a cidade sen necesidade de botar man do coche. Trátase, di, de "deseñar itinerarios ciclistas, non carrís bici", cunha planificación a longo prazo pero cun despregamento inicial a través de "solucións brandas", isto é, que non requiran un gran investimento público, tales como "eliminación de carrís para vehículos" e de aparcadoiros en superficie, traslados de zonas de carga e descarga ou desprazamento de paradas de autobús, entre outras medidas.

O plan traza dez itinerarios, tres deles principais: do campus ao centro, na Ronda da Muralla e do Ceao á zona histórica

Baseándose nestes principios o estudo propón dez itinerarios que cobren a práctica totalidade da cidade: do campus universitario á Ronda da Muralla, da Ronda ao polígono industrial do Ceao, da Ponte Romana ao casco histórico, da contorna da Milagrosa á Avenida de Madrid ou da Garaballa á Avenida das Américas, entre outros. De todos estes habería tres "principais" que serían os primeiros en implantarse: o do campus ao centro, o que arrodearía boa parte da Muralla -toda agás a zona máis estreita, entre as portas de bispo Odoario e bispo Aguirre e o do parque industrial do Ceao á zona histórica. Este sería o resultado sobre o terreo, segundo as simulacións incluídas no plan (move as frechas para observar o aspecto actual da rúa e o que tería coa vía ciclista):

A proposta remitida ao Concello formula tres fases para a implantación do plan. A primeira, de "accións urxentes", implicaría modificar as ordenanzas de circulación, a instalación dunha ampla rede de aparcadoiros para bicicletas e a creación da rede principal de vías ciclistas. A segunda fase, de entre un e dous anos, ampliaría a rede e os aparcadoiros. Todo o proxecto, calculan, podería estar despregado nuns cinco anos ao cabo dos cales o investimento dedicado a construír vías, modificar interseccións perigosas e instalar "aparcabicis" roldaría os 1,92 millóns de euros.

O estudo calcula un custo de 1,92 millóns de euros para as novas infraestruturas

A posibilidade de acceder a financiamento para estas actuacións é o que leva o goberno local a apostar por comezar a aplicar un plan que, admiten, non traería consigo poucas dificultades. En declaracións a Praza Pública o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro, explica que o Concello prevé acceder a axudas da Unión Europea coa que, di, sería posible "marcar obxectivos e orzamentar actuacións ano a ano" no marco do novo plan de mobilidade da cidade en xeral, e do plan de uso da bicicleta en particular.

O edil de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro, anuncia a posta en marcha de "mesas de traballo" para o inicio do plan

O gabinete de Lara Méndez, indica Piñeiro, disponse a poñer en marcha "mesas de traballo" recomendadas polos técnicos municipais para "ir desenvolvendo o plan xunto coas obras da cidade de maneira ordenada". Nestas mesas, di, tamén sentarán persoas expertas no traballo de "concienciación, que actúen prevendo posibles conflitos" e deseñen accións de sensibilización que vaian dende o ámbito técnico ata o "lúdico" ou propoñan "experiencias piloto", como a limitación do tráfico de automóbiles nunha determinada zona durante varios días.

Exemplos como os de Vitoria ou "os itinerarios seguros de Pontevedra", di Piñeiro, son exemplos para o desenvolvemento dun plan que, asegura, tamén se porá en común "a nivel político". Neste sentido o voceiro do BNG local, Rubén Arroxo, vén de realizar unha primeira valoración do plan instando a "apostar pola convivencia nun tráfico calmo" entre peóns e bicicletas. "As bicicletas son parte da paisaxe e non temos que crear cárceres en forma de carril bici", di o edil, que lembra a aprobación en pleno, o pasado setembro, dunha iniciativa de Masa Crítica a prol da limitación do tráfico rodado a 30 quilómetros por hora como primeiro paso para a extensión do uso da bicicleta en Lugo.

Proposta de reparto do espazo na Ronda da Muralla © Concello de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.