Atopan unha cámara oculta na sala de descanso do persoal da cafetería do CHUS

Cámara de vídeo atopada na sala de descanso do persoal © CIG

CIG-Servizos e CIG-Saúde de Compostela compareceron esta xoves en rolda de prensa para denunciar a existencia dunha cámara oculta de vídeo e audio, atopada polo persoal da cafetería do quinto andar na súa sala de descanso. A CIG, que xa puxo o caso en mans dos seus servizos xurídicos e convocará asembleas de traballadores e traballadoras para valorar a convocatoria de mobilizacións, esixe que se depuren responsabilidades, que se investigue se hai máis cámaras no resto das cafeterías da área sanitaria nas que a empresa Agamark ten a concesión e mesmo que esta se rescinda.

Na rolda de prensa compareceron o secretario comarcal da CIG-Servizos, Roberto Alonso; Jesús Ramos, do comité de empresa da cafetería e Encarnación Brión e Xosé Marcote da Xunta de Persoal do Hospital Clínico. Alonso explicou que a cámara oculta no baixo teito, con gravación de audio e vídeo, foi atopada polo propio persoal da cafetería o pasado martes e que, de contado, a CIG se puxo en contacto coa xerencia da empresa para manter unha xuntanza nun prazo máximo de 24 horas. A empresa retirou de inmediato o dispositivo (ao que xa lle fixeran fotos) pero non marcou data algunha para esa xuntanza. Por iso, explicou, “ante a falta de resposta decidimos denunciar estes feitos publicamente”.

As cámaras están permitidas, sempre que estean á vista, debidamente anunciadas para coñecemento de todos os traballadores e traballadoras mais, en ningún caso, con sistemas de gravación de voz

O secretario comarcal da CIG-Servizos lembra que aínda que desde a central sindical “temos manifestado de forma reiterada o noso rexeitamento á instalación de cámaras para controlar ao persoal” estas están permitidas, sempre que estean á vista, debidamente anunciadas para coñecemento de todos os traballadores e traballadoras mais, en ningún caso, con sistemas de gravación de voz. Por iso afirma que, neste caso, “estamos diante dun delito por vulneración do dereito fundamental á intimidade” que xa se puxo en mans da asesoría xurídica da CIG para preparar unha denuncia pola vía penal.

Alonso subliñou que isto proba que o obxectivo da instalación destas cámaras é “saber o que facemos e o que falamos” e lembrou que Aramark (que ten a concesións das cafeterías Hospital Clínico, do Gil Casares, do Provincial e do Hospital do Barbanza) xa foi denunciada en varias ocasións e mesmo houbo unha convocatoria de folga o pasado mes de maio polo acoso laboral que viña padecendo a presidenta do comité de empresa.

Ademais, a CIG esixiu da Xerencia do Hospital, á que xa se comunicaron verbalmente estes feitos e á que se lle remitirá a denuncia por escrito, “que se lle abra expediente, ou que realicen unha investigación para depurar responsabilidades”. A CIG-Servizos entende que o responsable directo é o xerente da empresa, pero non descarta esixir responsabilidades tamén á propia Xerencia do hospital se non actúa “con contundencia” ante esta situación, ademais de iniciar mobilizacións mesmo coa convocatoria dunha folga nas cateferías do CHUS, unha vez se celebre a asemblea coas traballadoras e traballadores.

A CIG esixe que se depuren responsabilidades, que se investigue se hai máis cámaras no resto das cafeterías da área sanitaria nas que a empresa Agamark ten a concesión e mesmo que esta se rescinda

Pola súa banda o representante de CIG-Saúde e membro da Xunta de Persoal, Xosé Marcote, lembrou que desde hai un par de anos xa se denunciou a instalación de cámaras na cafetería do persoal sanitario. “Solicitamos información porque non entendiamos por que se colocaban cando non se producira, nin se produciu a día de hoxe, ningún incidente. Aínda estamos agardando por unha explicación coherente por parte da Xerencia”. Denunciou tamén a gravidade dos feitos e anunciou que tamén a Xunta de Persoal pedirá explicacións na próxima xuntanza coa Xerencia do CHUS por estes feitos. Anunciou tamén que se valorará facer mobilizacións porque “non se lle pode permitir á empresa da cafetería que limite os dereitos dos traballadores e traballadoras”.

Cámara de vídeo atopada na sala de descanso do persoal © CIG
Rolda de prensa ofrecida este xoves © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.