Aumenta a poboación galega que ve "inevitable" a violencia machista

Acto simbólico da Marcha Mundial das Mulleres CC-BY-SA Marcha Mundial das Mulleres

Queda moito camiño por andar para erradicar a violencia machista. É unha das posibles conclusións a tirar do estudo sobre a "percepción" destas condutas en Galicia que vén de facer público a Xunta e que, se ben reflicte que o rexeitamento ás agresións de xénero é maioritario, tamén reflicte datos "preocupantes". Realizada a finais do pasado 2012, a enquisa analiza a actitude da poboación do país a respecto da violencia e compáraa coa manifestada no ano 2005. Daquela o 93,40% da pobación consideraba "totalmente inaceptable" a violencia de xénero, unha porcentaxe que agora baixa ao 84,72%. Pola contra, sobe o sector da cidadanía que a ve "inevitable" baixo o argumento que "sempre existiu".

Nomeadamente, as persoas que consideran as agresións machistas como algo practicamente inherente á sociedade pasa do 3,20% rexistrado hai oito anos ao 12,69%, un incrmento de máis de nove puntos. Baixa, non obstante, o indicador que se fixa na pobación que considera a violencia "aceptable nalgunhas circunstancias". Neste caso, o 2,70% do ano 2005 pasa ao 1,50% . Con todo, o incremento da percepción "de que a violencia constitúe algo inevitable, que sempre existiu" é para os autores do estudo mostra "dun certo conformismo na sociedade galega".

A opinión de que as agresións machistas son inevitables concéntrase na poboación con poucos estudos e maior de 50 anos

A distribución destas opinións non é homoxénea. Ben ao contrario, a tolerancia coa violencia machista concéntrase en sectores cidadáns moi concretos no que a idade e nivel formativo se refire. Así, sinala o inquérito, a opinión de que a violencia de xénero é "inevitable" está concentrado "en maior medida entre persoas con baixo nivel de estudos e con idades que superan os 50 anos". Así, enre a poboación sen estudos a suma dos cidadáns e cidadás que ven a violencia como "inevitable" ou "aceptable" na relación do home coa muller chega case ao 50%. Mentres, nas persoas que contan con estudos secundarios ou superiores estas ideas están presentes por baixo do 20%.

"Estereotipos" na análise das causas

O inquérito encargado polo Goberno galego deixa tamén outra análise para preocupación, a da percepción dos "factores desencadeantes da violencia de xénero". Atendendo ás respostas obtidas, "o abuso de alcol" e o "consumo de drogas" é percibido como a primeira causa das agresións por parte de máis do 90% dos galegos e galegas. A esta resposta séguena, a pouca distancia, os "problemas psicolóxicos" ou mentais. Hai que agardar ata a terceira posición para atopar "a sociedade machista e sexista", resposta tras a que se atopan outras causas como "ter sofrido malos tratos na infancia ou na adolescencia", "a mala situación económica", "o baixo nivel educativo", "a violencia das películas, televisión e videoxogos" ou "as crenzas relixiosas".

O alcol e as drogas seguen a ser percibidas como a principal causa da violencia, mentres que o machismo está en terceiro lugar

Neste contexto, cal é a mellor vía para previr a violencia machista no futuro e para "apoiar as vítimas no presente"? Segundo o estudo "a educación de nenas e nenos e da cidadanía con criterios de igualdade dende a escola" é considerado polo 97,6% da poboación como "o elemento máis importante" para "loitar contra a violencia de xénero" e "protexer as vítimas". Tamén se atopan en porcentaxes altas a importancia que se lle outorga ás "denuncias dos familiares", co 93,91%, "denunciar sempre e pronto", co 92,61%, e "que se implique a veciñanza", co 88,71%.

Ademais de concederlle especial importancia ao entorno máis próximo das mulleres vítimas de violencia para erradicar as agresións, as persoas enquisadas tamén consideran maioritariamente "que o problema da violencia de xénero transcendeu o ámbito privado ou familiar" por ser "un problema social que afecta a toda a poboación". Así, en opinión do 70,43% da poboación, a violencia machista "compromete a todos, incluído ao Estado". Así e todo, aínda persiste un 15,48% que cre "que é unha cuestión privada, do ámbito da familia".

Acto simbólico da Marcha Mundial das Mulleres CC-BY-SA Marcha Mundial das Mulleres
Fonte: Xunta de Galicia © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.