Axenda do 25 de xullo: Múltiplas reivindicacións políticas, festa e ningunha celebración da Xunta

Os Fogos do Apóstolo abriron os actos do 25 de xullo © Concello de Santiago

O Día Nacional de Galicia acumula, como é habitual, un bo número de convocatorias políticas, ademais de eventos festivos por todo o país a comezar pola capital, que vive nesta xornada tamén o día grande das festas do Apóstolo. Mentres, un 25 de xullo máis non existe convocatoria ningunha na que sexa o Goberno galego o que celebre a festa do país cun acto de seu.

  • BNG: O Bloque celebra, como é habitual, súa manifestación nacional do Día da Patria dende a Alameda de Santiago a partir das 12. A mobilización culmina cun acto político na Praza da Quintana no que Ana Pontón intervirá, por primeira vez, como portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta.
  • PSdeG: Os socialistas galegos celebran a súa tradicional ofrenda floral a Castelao en Rianxo. Ante o monumento do histórico político e artista, ás 12.
  • Anova: A formación celebra o Día da Patria centrándose no centenario das Irmandades da Fala con actividades durante toda a xornada no compostelán parque de Galeras. O acto político central será ás 13:00, con intervención de Xosé Manuel Beiras.
  • Manifestación independentista: Unha comisión de diversas entidades convoca unha marcha pola independencia, a partir das 12:30 dende a Alameda de Santiago. Conclúe cun acto político na Praza do Toural.

Alén das convocatorias estritamente políticas, durante toda a xornada continúa a celebración do Festigal, no Campus Sur de Santiago, e nas Festas do Apóstolo destacan citas como a Romaría dos Libros, os pasarrúas e charangas de cabezudos e o concerto de Samesugas e Ruxe Ruxe, entre outros actos. A falta dunha celebración propia, diversos cargos do Goberno galego acuden esta maña á ofrenda da Casa Real ao Apóstolo Santiago, na Catedral compostelá, este ano co presidente do Parlamento, Miguel Santalices, como delegado rexio. Pola tarde, Alberto Núñez Feijóo acode, ás cinco, á misa por Rosalía de Castro en San Domingos de Bonaval.

Manifestación do Bloque na praza da Quintana CC-BY-NC GZFoto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.