Bassi: "O resultado electoral en Galicia vai ter unha gran repercusión en toda Europa"

Leo Bassi xunto a Iván Prado CC-BY-SA Praza Pública

"Se estou aquí é porque hai eleccións. O resultado electoral en Galicia vai ter influencia en todo o mundo. Se gaña Rajoy verá convalidados os recortes. E se Rajoy se reafirma nas súas políticas tamén o farán o goberno italiano e o portugués. Os votantes galegos teñen unha gran responsabilidade". Leo Bassi falou de forma moi directa este mércores en Compostela na rolda de prensa de presentación do Bassibus, unha visita guiada á Cidade da Cultura que incluirá algunhas sorpresas.

Bassi foi presentado por Iván Prado, de Pallasos en Rebeldia. Prado denunciou o "derrubo da cultura, a megalomanía, a centralización en Santiago de todo o investimento e a visión de que a cultura é só un lugar no que meter cartos" que para el representa a Cídade da Cultura. "Se non constestamos a iso estaríamos derrotados", afirmou. Prado explicou a iniciativa do Bassibus como unha aposta "por outra idea de entender a cultura e de relacionarnos" e afirmou que "para nós o Bassibus é unha esperanza de que todo o tecido cultural e social tamén se vai levantar contra esta Cidade da Cultura, que é unha fenda nos orzamentos e unha parede que impide o desenvolvemento da cultura en Galicia". E concluíu citando a Leo Bassi que "cando os politicos fan o pallaso os pallasos teñen que facer politica. Cando non se permite organizar un festiclown dunha semana hai festiclowns todo o ano".

O Bassibus partirá o martes 16 do Museo do Pobo Galego en dúas sesións: ás once da mañá e ás catro da tarde. Fará unha visita á Cidade da Cultura guiada e explicada por Bassi, que asegura que na viaxe irá desvelando "informacións confidenciais" sobre o proxecto do Gaiás. No Bassibus tamén participará Ramón Chao, experto en Prisciliano entre moitas outras cousas, que exporá a importancia histórica desta figura. Pódense reservar as prazas por teléfono ou por correo electrónico e teñen un custe de dez euros.

"Quero intervir na campaña electoral. O resultado electoral en Galicia vai ter influencia en todo o mundo. Se gaña Rajoy verá convalidados os recortes e se Rajoy se reafirma nas súas políticas tamén o farán o goberno italiano e o portugués"

Bassi centrou a súa intervención na crítica á Cidade da Cultura pero non obviou o momento preelectoral que vive Galicia: "Amo Galicia. Debe ser porque os galegos viaxaron toda a vida e eu tamén viaxei moito. Por iso eu quero intervir na campaña electoral. O resultado electoral en Galicia vai ter influencia en todo o mundo. Se gaña Rajoy verá convalidados os recortes e se Rajoy se reafirma nas súas políticas tamén o farán o goberno italiano e o portugués. Os votantes galegos teñen unha gran responsabilidade", dixo.

Sobre o proxecto do Gaiás dixo que "é un símbolo" algo "palpable, non é unha idea, pódese tocar" e preguntouse: "Por que Santiago que é unha cidade recoñecida pola súa cultura dende hai séculos necesita unha cidade da cultura a catro quilómetros? É ridículo. É un insulto a Santiago e á catedral". Bassi concluiu: "A Cidade da Cultura permite ver en tres dimensións todas as carencias e erros do PP e a covardía do bipartitos que non tivo valor para parar este problema". Engadiu que a Cidade da Cultura é "un monumento ao despilfarro e á hipocrisía. Un monumento ao orgullo dunha soa persoa que custou 465 millóns de euros. Un símbolo do que fixo caer a España: o ladrillo. Un Valle de los Caídos de Fraga, pero sen caídos".

"A Cidade da Cultura é un monumento ao despilfarro e á hipocrisía. Un monumento ao orgullo dunha soa persoa que custou 465 millóns de euros. Un símbolo do que fixo caer a España: o ladrillo. Un Valle de los Caídos de Fraga, pero sen caídos"

O pallaso tamén cargou contra xerarquía eclesiástica e afirmou que "hai moito paralelismo entre a política española e galega a política italiana. E ten que ver co poder da igrexa católica. Aquí e alí hai moitas prácticas caciquís, que é un poder que se superpón aos cidadáns. E este poder caciquil establece relacións mafiosas coa igrexa: Berlusconi asentou o seu poder grazas á igrexa e esta hipocrisía do caciquismo tamén é moi común en Galicia. Canta máis decadencia hai na igrexa os políticos permítense máis cousas". 

En canto á dimisión de Conde Roa afirmou que "foi un sinal do deus dos pallasos" aclarando que "eu non creo en deus pero si nun parrulo de plástico que teño. E esta foi unha das primeiras grandes accións do meu parrulo. Por iso quero dicirlles a todos os alcaldes do PP: coidado co parrulo porque vos pode pasar o mesmo que a Conde Roa".

 

Espectáculos en Vigo, Lugo e Teo

O mércores 17 actuará en Vigo no salón de actos da Facultude de Econonómicas e Empresariais e a entrada será de balde. O xoves 18 fará o espectáculo en Teo no Auditorio da Ramallosa, ás 21h. E a semana rematará coa actuación do venres 19 en Lugo no Auditorio Gustavo Freire. As entradas custan 12 euros e o espectáculo está organizado por Culturactiva. Ademais ao longo da fin de semana ofrecerá en Teo un un curso de Bufón e Provocación-

Leo Bassi xunto a Iván Prado CC-BY-SA Praza Pública
Cartaz do Bassibus © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.