Bergantiños diralle "non" ao proxecto mineiro de Corcoesto este domingo

Veciñanza contraria á mina de Corcoesto CC-BY-SA Salvemos Cabana

A manifestación do vindeiro domingo 14 de abril, convocada pola Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños, pretende ser a maior mobilización contra a polémica mina. A marcha, que sairá ás 12 horas do Haley de Carballo, está apoiada por unha morea de colectivos sociais, políticos e ecoloxistas e contará coa presenza de persoeiros como Manuel Rivas, que será o encargado de ler o manifesto final.

A Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños anima a toda a cidadanía a acudir a unha manifestación que considera "a central" das súas reivindicacións, pero advirte tamén de que seguirá "con novas iniciativas de información, organización e loita" para pelexar contra o proxecto de Edgewater que conta co apoio da Xunta. "Hai que parar o que podería supoñer un grave precedente para que non veñan detrás outros  proxectos semellantes no noso país", asegura.

Non é un problema local; é só a punta de lanza dunha inmensa desfeita programada de norte a sur. É un problema de toda Galiza"

"Non é un problema local de Corcoesto, Cereo e Valenza. Non é un problema de Cabana, Ponteceso e Coristanco. Non é un problema de Bergantiños. A mina Corcoesto é só a punta de lanza dunha inmensa desfeita programada de norte a sur: a veta Malpica-Tui. É un problema de toda Galiza", insiste nun comunicado, no que lembran que con esta nova mobilización pretenden "dicirlle á Xunta con voz alta, clara e forte que nin Bergantiños nin Galiza queren esta mina destrutiva no seu territorio". "Non imos permitir baixo ningún concepto a destrución e o esquilmamento do noso país", din.

A marcha está apoiada por Adega, Verdegaia, rede Galiza Non se Vende, Senda Nova, Espazo Ecosocialista, Confederación Intersindical Galega, UC de Ferrol de CCOO, SLG, BNG, AGE, Compromiso por Galicia, Galiza Nova, Partido da Terra, Véspera de Nada, ASC O Iribio, Plataforma pola proteccion  da Serra do Galiñeiro, Foro Social de Cangas, Instituto de Estudios Bergantiñáns,  AAV. de Cereo ou Contramínate de Laxe.

"Esperemos que o éxito das mobilizacións realizadas e as futuras que convocaremos obriguen  á Xunta de Galicia a deixar a conivencia con Edgewater e non aprobe a declaración do proxecto como industrial estratéxico, faga caso ás voces discrepantes da propia administración pública e non vaia adiante esta auténtica barbaridade", conclúen.

Veciñanza contraria á mina de Corcoesto CC-BY-SA Salvemos Cabana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.