Bimbo, non sempre tan 'tenro'

O comercio verase obrigado a mudar o seu nome © Bembó Tenda

Vanesa Feixó é unha moza de Vilagarcía de Arousa que o pasado mes de outubro, estando no paro, decidiu montar unha tenda de produtos de alimentación, centrada en produtos ecolóxicos, artesáns, delicatessen, e que tamén vende pratos preparados. Chamouna Tenda Galega Bembó e decidiu rexistrar o nome na Oficina Española de Patentes e Marcas "para non incorrer en ilegalidades". 

Nese momento, unha vez realizado un grande investimento (deseño do logo e imaxe da tenda, impresión de carteis, rótulos..., ademais da propia inscrición) recibiu unha chamada telefónica dun bufete de avogados, que falaba en nome da marca de BIMBO, S.A., advertíndolle que a multinacional tiña a intención de opoñerse ao rexistro de Tenda Galega Bembó pola proximidade coa denominación da marca Bimbo. De nada valeu que Vanesa Feixó lles explicase que ela non elaboraba ningún produto relacionado co pan e derivados, que Bembó era unha palabra formada coa unión de "Ben Bo" ou que, de feito, ela non empregaba esa marca para ningún produto concreto, senón tan só para a tenda na que os vende.

Os avogados de Bimbo nin sequera responderon á carta na que Vanesa Feixó defendía o seu dereito a chamar así ao seu negocio. Unhas semanas máis tarde a Oficina Española de Patentes e Marcas remitiulle unha notificación indicándolle que o rexistro da marca solicitada queda en suspenso pola oposición de Bimbo, que argumentara que a vilagarciá se quería "beneficiar da súa marca". "Non teño nada contra Bimbo nin contra os seus produtos, pero os meus produtos e os que esta empresa comercializa non teñen nada que ver", explica, engadindo que "con todo respecto a Bimbo e a os seus produtos, a maioría dos meus produtos son artesanais e ecolóxicos, co cal non levan ningunha clase de aditivos; non entendo en que me podo beneficiar desta marca, xa que os seus produtos pertencen a unha forma de elaboración totalmente distinta".

O resultado do conto de David contra Goliat poucas veces se reproduce na realidade. Vanesa Feixó presentou alegacións a esta prohibición, e aínda agardará ata a resposta da Oficina de Patentes e Marcas, pero xa asume que se vai ver obrigada a buscar un novo nome para o seu negocio e calcula en seis mil euros os gastos que esta situación lle vai xerar, o custe combinado do deseño dun novo logo e imaxe para a tenda, que despois trasladará a outros elementos. "Non é que o meu avogado me diga que o proceso está perdido, pero o certo que asustan bastante as cen páxinas que me enviaron con exemplos de xuízos que Bimbo gañou contra outras marcas ou tendas que empregaban nomes semellantes", di.

Vanesa Feixó xa asume que se vai ver obrigada a buscar un novo nome para o seu negocio

En Cataluña produciuse un caso semellante, cando Bimbo bloqueou o intento dunha panadería artesá de chamarlle Bembó a un dos seus produtos. Certo é que neste caso a confusión era máis verosímil que no da tenda arousá. Porén, a base do problema é que Bimbo está dado de alta como fabricante de moitos produtos, aínda que en realidade non os elabore, simplemente prevendo unha posible expansión do seu negocio.

"A nosa tenda non é só unha tenda, é algo máis: nós funcionamos como distribuidores de moitos produtores locais, permitindo que poidan mellorar a súa comercialización"

"Non entendo que dano podo facerlle eu a esta marca, pero si sei o dano que me van a causar a min. Todo isto é un gasto moi elevado, gasto que se podería evitar se os avogados de Bimbo propuxeran unha resolución amigable", láiase Vanesa Feixó, que destaca que "a nosa tenda non é só unha tenda, é algo máis: nós funcionamos como distribuidores de moitos produtores locais, permitindo que poidan mellorar a súa comercialización, traballamos moito produto galego, dende lamprea rechea en bote, requeixo, pasas de albariño...". A tenda ofrece outras especialidades, como unha gran selección de produtos ecolóxicos, e tamén para celíacos, así coma pratos vegáns preparados. Igualmente, organiza actividades, coma cursos de cociña sen gluten, ou cursos para principiantes, o mesmo que presentacións de novos produtos artesanais.

Instalacións de Bembó Tenda © Bembó Tenda
Instalacións de Bembó Tenda © Bembó Tenda
O comercio verase obrigado a mudar o seu nome © Bembó Tenda
O Grupo Bimbo ten 167 plantas produtoras e opera en 22 países © Grupo Bimbo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.