BNG, Anova, EU e 60 organizacións únense contra a "política represiva" de Caballero en Coia

Obras na rotonda de Coia © Asemblea de Coia

Máis de 60 colectivos e organizacións veñen de amosar o seu apoio e solidariedade coa loita dos veciños de Coia contra a instalación dun barco nunha rotonda do barrio e contra o gasto "inxustificado e inmoral" dunha obra que non é ben recibida "mentres a xene malvive nos barrios". BNG, Anova, Esquerda Unida ou os sindicatos CIG, CNT e CGT son só algúns dos asinantes, entre os que se inclúen unha morea de movementos sociais de Galicia e do Esado, e que queren "condenar o aumento da represión nas protestas sociais" e amosar, "de xeito público, o apoio a unha loita fortemente reprimida por parte de Abel Caballero e polo seu goberno, que non dubidou en empregar a policía local en contra da veciñanza".

Máis de 60 organizacións de Galicia e o Estado condenan "a represión" e apoian "a loita de Coia por defender os dereitos sociais"

Os asinantes do manifesto queren amosar "o seu total apoio" aos cidadáns detidos no barrio de Coia "por defender os dereitos sociais" e o seu "total rexeitamento ás políticas de represión exercidas neste caso e noutros de todo o Estado español". 

"As veciñas de Coia -di o texto- levan dende o 4 de decembro tratando de impedir a instalación dun barco nunha rotonda no barrio que supón un gasto inxustificado e inmoral nunha cidade na que, como no resto do estado, a xente malvive nos barrios mentres ve proliferar na súa contorna obras faraónicas". Para todas as organizcións, Abel Caballero "puxo todo o seu empeño en criminalizar a protesta veciñal, empregando medios de comunicación afíns como altofalantes das súas falacias e terxiversacións".

O manifesto acusa a Caballero de "política represiva" e de "detencións arbitrarias e inxustificadas"

Ademais, co fin de acalar a protesta e violentar á veciñanza, "non tivo o menor reparo en empregar a policía local como instrumento represor ao seu servizo con tres detencións arbitrarias e inxustificadas", varios deles xulgados ou pendentes de vista, e 25o persoas con supostos cargos perante a Fiscalía, ademais de numerosas multas. 

"Mentres dirixentes e partidos políticos se manifestan e a favor da liberdade de expresión co gallo do atentado terrorista de París, a escalada de represión e criminalización da protesta social segue en aumento no Estado español", di o manifesto, que denuncia que as loitas de pobos e barrios e as do sindicalismo combativo e de clase "están a ser duramente reprimidas por empresas e institucións públicas" e dunhas leis que "cada vez se poñen máia ao servizo dos intereses do capital e das oligarquías dominantes"

"Reiteramos a nosa solidariedade cos detidos. As loitas das xentes de Coia son as nosas loitas"

O manifesto fai referencia ao caso de Alfon, o mozo de Vallecas condenado a catro anos de cadea pola súa participación nunha folga xeral, e pono como exemplo dunha "ofensiva en toda regra contra a lei de folga e do dereito de manifestación e reunión". O texto advirte da aprobación da lei Mordaza, "que será un chanzo máis para silenciar a disidencia ideolóxica e reprimir a protesta social". "Reiteramos a nosa solidariedade cos detidos. As loitas das xentes de Coia son as nosas loitas", conclúe. 

O apoio chega duns 65 colectivos como a Asemblea de Movementos Sociais de Vigo, Baladre, 15M Monte Alto, Stop Desafiuzamentos da Coruña, o Foro Galego de Inmigración, a Coordinadora de Barrios de Madrid, a Asamblea de Gamonal, a Coordinadora de Crentes Galegos ou Rede Cristiás, ademais de movementos de Andalucía, Canarias, Euskadi, Castela e León ou a Comunitat Valenciana. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.