BNG e Anova esixen ao Goberno que actúe xa "contra os criminais bancarios"

Acción contra un desafiuzamento CC-BY-NC-ND Antonio Marín

A portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Olaia Fernández Davila, esixiulle este venres ao Goberno “que se deixe de acenos propagandísticos e actúe dunha vez contra os criminais bancarios que están levando a moita xente á morte", logo de coñecerse outro suicidio dunha persoa, neste caso unha muller de Barakaldo, xusto antes de ser desafiuzada da súa vivenda. Anova, pola súa banda, instou a que "se tomen con urxencia as medidas necesarias para evitar situacións tan crueis" e asegurou que a "desesperación e sufrimento que día a día sofren centos e milleiros de persoas debe rematar".

"A desesperación e sufrimento que día a día sofren centos e milleiros de persoas debe rematar"

A deputada nacionalista do BNG anunciou tamén que a súa formación "pide a comparecencia urxente" do ministro de Xustiza en Comisión Parlamentar e do presidente do Goberno no Pleno do Congreso "para que expliquen as medidas urxentes que van tomar para parar os desafiuzamentos hipotecarios" e para preguntar tamén se "se teñen previsto tomar medidas de apoio económico e social ás vítimas desta criminalidade bancaria”.

O BNG pide a "comparecencia urxente" do ministro de Xustiza e de Rajoy para que expliquen as medidas urxentes que se tomarán para parar os desafiuzamentos

Ademais, Olaia Fernández Davila esixiulle ao Executivo que “se deixe de acenos propagandísticos, e que tome medidas contundentes dunha vez, porque os afectados polos desafiuzamentos hipotecarios levan reclamando medidas para parar esta inxustiza dende hai anos e os gobernos non fixeron nada”.

Tal e como lembra o BNG, calcúlase que nos últimos dous anos executáronse no Estado español uns 400.000 desafiuzamentos e prevese que se executarán uns 250.000 máis nos próximos anos. Anova, a través dun comunicado, lembrou tamén que o seu portavoz, Xosé Manuel Beiras, "puxo o dedo na chaga durante a campaña cando dixo que determinadas políticas e recortes en Sanidade matan". "Desgrazadamente, temos un novo exemplo de que isto é así", concluíu.

Por outra banda, o BNG amosou o seu apoio á cadea humana que o pasado xoves evitou un desafiuzamento en Moaña. “O noso total apoio ás accións cidadás para evitar estas accións criminais dos bancos”, subliñou Fernández Davila.

Acción contra un desafiuzamento CC-BY-NC-ND Antonio Marín
Olaia Fernández Davila, en rolda de prensa © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.