BNG: “A Conferencia Episcopal e o PP non poden decidir sobre as liberdades sexuais e reprodutivas das mulleres”

As deputadas do BNG, Carme Adán, Ana Pontón, Tereixa Paz e Montse Prado © BNG

As deputadas do BNG Carme Adán, Ana Pontón, Tereixa Paz e Montse Prado presentaron este luns unha serie de iniciativas contra a reforma da Lei do Aborto impulsada polo Ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón. A este respecto a portavoz de Política de Igualdade do BNG, Carme Adán, manifestou que “a lei do aborto non debe ser modificada, en todo caso, mellorar algunha das súas carencias” e advertiu de que “a Conferencia Episcopal e o PP non poden decidir sobre as liberdades sexuais e reprodutivas das mulleres”, denunciando que a lei de saúde sexual e reprodutiva e de interrupción voluntaria do Embarazo, aprobada en 2010, “foi freada" en Galicia pola Consellería de Sanidade, "que non garantiu que nos hospitais públicos as mulleres puideran facer uso desta prestación".

Carme Adán afirmou que o Goberno de Madrid e “de maneira cómplice o de Galiza” lexislan seguindo os ditados da Conferencia Episcopal

Carme Adán afirmou que o Goberno de Madrid e “de maneira cómplice o de Galiza” lexislan seguindo os ditados da Conferencia Episcopalcomo aconteceu na Lei educativa e agora pretenden facer o mesmo modificando a Lei do Aborto. A consellería de Sanidade e a Secretaría de Igualdade do Goberno de Feijóo, explicou Adán, estableceron unha rede “nada obxectiva” de apoio ás mulleres xestantes integrada por 16 organizacións das que 11 son “de corte ultrarelixioso”. Neste escenario, as declaracións do Ruíz Gallardón están a producir “grandes inquedanzas” sobre o futuro dos dereitos a reproducir das mulleres, concluíu Adán.

 

Batería de propostas

Un retroceso agora na Lei do Aborto provocará que as mulleres con menos recursos se sometan a intervencións pouco seguras e non regradas: “volveremos outra vez a clandestinidade”

O BNG rexistrou diversas iniciativas co obxecto de acadar “un compromiso real” do Presidente da Xunta co dereito reprodutivo das mulleres. A este respecto as deputadas nacionalistas pediron a eliminación dos folletos “da Red Madre” que neste momento se reparten na Sanidade pública e denunciaron “a guía de apoio á maternidade” publicada na páxina oficial da Secretaría Xeral de Igualdade por apoloxía á mencionada Red, integrada fundamentalmente por asociacións “ultraconservadoras” e financiadas con fondos públicos. Carme Adán asegurou que un retroceso agora na Lei do Aborto provocará que as mulleres con menos recursos se sometan a intervencións pouco seguras e non regradas “volveremos outra vez a clandestinidade”, dixo, "e polo contrario as mulleres con recursos volverán abortar no estranxeiro”.

 

"Unha volta atrás nos dereitos das mulleres"

“Estamos vivindo unha volta atrás nos dereitos das mulleres”, manifestaron as catro deputadas do BNG, en referencia non só á reforma do aborto, “un novo recorte nas liberdades e dereitos das mulleres”, senón a outros aspectos

“Estamos vivindo unha volta atrás nos dereitos das mulleres”, manifestaron as catro deputadas do BNG, en referencia non só á reforma do aborto, “un novo recorte nas liberdades e dereitos das mulleres”, senón a outros aspectos. Os datos relativos ao paro feminino e a emigración das mozas son “aterradores”, dixo Adán, que demandou que a Consellería de Sanidade ofreza “información obxectiva” a respecto do embarazo, lactancia e da interrupción voluntaria do embarazo, pois “non se debe recortar en escolas infantís, conciliación, comedores escolares, a maternidade debe ser garantida con outras políticas de igualdade”, concluíu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.