"Caballero non ten sensibilidade nin coñecemento social ningún"

Emilio Suárez, terceiro pola esquerda, ante a rotonda de Coia Dominio Público @AsembleaDeCoia

Os veciños e veciñas de Coia levan semanas tratando de impedir as obras na rotonda da avenida Castelao, unha actuación baseada na instalación alí do barco Bernardo Alfageme, propiedade do Concello, e criticada polo seu elevado custo. O pleno municipal -cos votos de PP e BNG- votou en contra das obras o pasado 22 de decembro (como xa fixera hai dous meses) e a cidadanía critica o elevado custo da obra (de cando menos 100.000 euros, como recoñece o goberno local), que se sumarían a outros gastos xerados por este barco, que dende que foi adquirido pola administración local acumula un desbaldimento de cartos públicos de case un millón de euros.

A Asemblea Aberta de Coia, onde se agrupan os veciños, lembra que en todo o concello hai 32.000 persoas desempregadas e propón tamén localizacións alternativas para a instalación deste barco, como por exemplo o Museo do Mar de Galicia, situado na cidade, unha proposta que foi aprobada pola maioría do pleno municipal, ou tamén na finca Zulueta, próxima ao museo. Desde que comezaron as protestas, tres persoas foron detidas e 25 máis denunciadas ante a Fiscalía e a Subdelegación do Goberno, segundo o goberno local. O vindeiro venres teñen convocada unha manifestación desde a praza América pola "xustiza social".

Emilio Suárez, sacerdote da parroquia do Cristo da Vitoria de Coia, é un dos voceiros da Asemblea Aberta e da veciñanza que se opón a unhas obras que, como di, tan só son "a gota que rebordou o vaso". Critica a actitude do alcalde e o malgasto de cartos en actuacións que considera innecesarias mentres o Concello segue a negar o maior investimento social no barrio que levan anos reclamando.

Dixo unha vez que a polémica do barco tan só foi a gota que rebordou o vaso...

Levamos anos reclamando un maior investimento en acción social no barrio e desde a parroquia e os movementos sociais tratamos de axudar a xente, facemos asembleas de afectados por múltiples causas e estamos tocando constantemente o sufrimento humano, a dor... O que ocorre é que este alcalde non ten sensibilidade nin coñecemento social ningún. O do barco foi a gota que rebordou o vaso, o que nos fixo decatarnos de que esta situación non se podía aturar máis.

"Estamos tocando constantemente o sufrimento humano e a dor, pero este alcalde non ten sensibilidade nin coñecemento social"

Non recibiron nunca ningunha resposta satisfactoria do Concello?

Estivemos varias veces reunidos con representantes de política social do Concello e tivemos discusións fortes en máis dunha ocasión. Pedimos máis investimentos sociais e o que nos mandan é un barco e policía a reprimir. Esa é a realidade. O do barco de Alfageme na rotonda non é máis que o simbolismo da dilapidación constante de cartos en terreos, en deportes e en cousas nas que se malgasta en lugar de facer o que se ten que facer. O escandaloso é que che digan que non hai cartos para políticas sociais e que a resposta sexa esta obra. O escandaloso é isto e que isto pase nunha cidade como Vigo e nun barrio como Coia, onde as empresas máis representativas da urbe teñen os seus obreiros e familias, casas con fillos en paro, cun desemprego estrutural... É cuestión de dignidade.

"Caballero utiliza o barco como pantalla para non entrar no problema real; úsao por electoralismo e ese é o problema"

O alcalde Abel Caballero non parece disposto a dar marcha atrás malia o rexeitamento dos veciños.

Non quere dialogar e só pensa no barco, que é o que utiliza de pantalla para non entrar no verdadeiro problema. O único que se limita a dicir é que non o queremos, pero ata el mesmo chegou a dicir que estaba roto pero que era moi bonito. Anda con estas caralladas por motivacións puramente electorais, porque deste xeito chega a convencer a xente de que as obras na rotonda e a colocación do barco amosan a súa preocupación polo barrio, cando non é así. Estas intencións electoralistas finais son o verdadeiro problema.

Non os escoita?

A súa capacidade democrática é nula porque lembremos que en dous plenos a súa proposta non saíu adiante. E Caballero non pode dicir que fose un ataque ou estratexia da dereita porque tanto o PP como o BNG votaron en contra da obra. Pero el segue adiante, non lle importa nada porque non ten sensibilidade democrácita, esa é a realidade. O que nós demandamos, fundamentalmente, é un maior investimento social para axudar a xente con problemas e seguiremos loitando por iso.

"O alcalde non ten sensibilidade democrática; o seu son paranoias porque fai unha lectura absurda da realidade"

Tamén acusan o alcalde de facer declaracións provocadoras ou na súa contra. A última, a da Fontana di Trevi...

Totalmente provocadoras. É o que lle queda para non falar da realidade. Son paranoias, no sentido de que fai unha lectura da problemática totalmente absurda e contraria á realidade e limítase a falar de cousas supostamente marabillosas. Ademais, aproveita sempre para denigrarnos, para atribuírnos motivacións políticas e vincularnos, como el di, con xente de partidos marxinais... Pero claro que estamos marxinados, basicamente por el, porque somos familias moi normais e traballadoras.

Non é a polémica do barco un síntoma do que está a ocorrer en moitos outros lugares desde que estoupou a crise?

É un síntoma pero a solución debe ser inmediata e, no que nos atinxe, local. De todos os xeitos, non só nos manifestamos no Concello, senón tamén na Xunta porque o problema é importante. Os que palpamos o sufrimento de toda esta xente non podemos calar. Esmagan os nosos dereitos e os da poboación máis empobrecida ou en paro que está a vivir unha situación moi complicada.

"Inventan cousas para baixarnos a moral pero non houbo violencia; sóbranlles medios para denigrarnos publicamente"

Tamén acusou o Concello de reprimir e de levar a cabo detencións sen motivo. Así o pensa?

Non houbo situacións de violencia. Eu mesmo estaba presente cando houbo detencións e identificacións e son testemuña de que non foi como se di. Inventan cousas para baixarnos a moral e cren que así nos van meter medo e que van conseguir que deixemos de pelexar. Sóbranlles medios para denigrarnos publicamente, pero seguiremos adiante.

Emilio Suárez, terceiro pola esquerda, ante a rotonda de Coia Dominio Público @AsembleaDeCoia
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.