Cada minuto, oito persoas convértense en refuxiadas

Unha imaxe do campo de refuxiados de Dadaab © Dani Pozo

No mundo hai 42,5 millóns de persoas desprazadas, 15,2 millóns de refuxiados, a metade menores de 18 anos, hai 895.000 solicitantes de asilo, 26,4 millóns de desprazados internos, 12 millóns de apátridas, 3,7 millóns de repatriados. Cada minuto oito persoas abandonan os seus fogares fuxindo de guerras, persecucións políticas ou étnicas. As cifras asustan, pero tamén ocultan os millóns de dramas individuais que as conforman. Este 20 de xuño celébrase o Día Mundial das Persoas Refuxiadas, que se organiza en todo o mundo baixo o lema Os refuxiados non teñen elección. Ti si.

En 2011 tramitáronse 3.422 solicitudes de asilo en España, o que representa pouco máis do 1% do número total de peticións en toda a Unión Europea

Por exemplo, o Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR) lanzou a aplicación A miña vida como refuxiado, para explicarlle á cidadanía a situación e que cada persoa se pregunte que faría nunha situación extrema que o convertese en refuxiado. Pola súa banda, a Comisión Española de Axuda ao Refuxiado lanzou a campaña No entran, acompañada dun vídeo para chamar a atención sobre o feito de que en España as solicitudes de asilo aceptadas caeron un 65% na última década. En 2011 tramitáronse 3.422 solicitudes de asilo en España, o que representa pouco máis do 1% do número total de peticións en toda a Unión Europea, segundo a ONG Accem.

 

Medio millón de persoas en Dadaab

Mentres, Médicos Sen Fronteiras publica un informe sobre a situación actual do medio millón de refuxiados somalíes en Dadaab (Kenya). O pasado verán as graves sequías, sumadas a un conflito armado que dura xa dúas décadas e o bloqueo internacional provocaron unha aguda crise nutricional en Somalia. A poboación somalí converteuse no centro da atención pública durante o verán para volver caer no esquecemento un ano despois. As condicións de vida en Dadaab melloraron un pouco o pasado verán, mais a partires de outubro a situación nos campos deteriorouse a causa de diversos incidentes de seguridade que dificultan a axuda humanitaria. 

Os refuxiados en Dadaab viven nun lugar que xa non é seguro. Así mesmo, os campos de refuxiados, que deberían ser unha solución provisional de emerxencia convértense nun enclave permanente

Os refuxiados en Dadaab viven nun lugar que xa non é seguro. Así mesmo, os campos de refuxiados, que deberían ser unha solución provisional de emerxencia convértense nun enclave permanente, sen posibilidades de abandonar o campo. “Dadaab deixou de ser un refuxio, mesmo cando hoxe en día a población pódese alimentar”, explica Elena Velilla, representante de MSF en Kenia. “Está claro que o modelo actual de campos non funciona. Cantas máis crises nutricionais ou epidemias de sarampelo se necesitan antes de que cheguemos a unha solución?”. Os refuxiados, a maioría nenos, anciáns e mulleres, seguen chegando a Dadaab desde Somalia. Pero en Dadaab xa non atopan seguridade. Nos propios campos e na súa periferia, os roubos, o crime e a violencia van en aumento, o que afecta á provisión de servizos e de axuda.

Unha imaxe do campo de refuxiados de Dadaab © Dani Pozo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.