"Cada vez máis xente comprende que o AVE non é a solución"

Tren de media distancia entre Vigo e A Coruña CC-BY Freecat

Hai unhas semanas presentábase na Coruña a Plataforma en Defensa do Tren. Facíao no marco dos sucesivos recortes peches de estacións e eliminación de frecuencias decididos polo Ministerio de Fomento e ás portas de que se completase o proceso liberalizador e privatizador do tren que o Goberno se comprometeu a realizar antes do 31 de xullo, que incluiria a segregación de Renfe en catro empresas e a entrada de operadores privados no transporte de pasaxeiros.

Presentaban tamén o Manifesto por un tren público e social na nosa comarca, que destacaba que "o ferrocarril debe seguir sendo un servizo público de propiedade pública, no que debe primar, por riba doutras consideracións económicas ou de intereses particulares, o beneficio social que este medio de transporte supón para o conxunto da comunidade" e que chamaba a "realizar investimentos no ferrocarril convencional para recuperalo do seu prolongado abandono, con actuacións dirixidas á mellora das liñas (electrificación, duplicación de vías e mellora de trazados), modernización dos sistemas de seguridade e sinalización, aumento de frecuencias e recuperación de servizos e infraestruturas", rexeitando "a política que impón o modelo AVE en detrimento do ferrocarril convencional -de maior potencialidade, funcionalidade e utilidade para as maiorías sociais e factor de desenvolvemento social e económico".

A Plataforma en Defensa do Tren levaba semanas preparando unha convocatoria para este mércores 31, como denuncia aos plans do Ministerio de Fomento. A traxedia de Angrois levounos a considerar a suspensión do acto, pero decidiron reconvertelo a unha concentración centrada na reivindicación da seguridade no ferrocarril. Deste xeito, esta tarde ás 19.30, terá lugar unha concentración na estación da Coruña para presentar o manifesto Por un tren público e seguro.

Denuncian que "coa privatización as posibilidades de que haxa accidentes aumentan"

Naquel outro manifesto a Plataforma denunciaba que "durante as últimas décadas o tren convencional deixou de estar nas prioridades dos sucesivos gobernos autonómicos e do Estado" e que "non se investiu en mellorar os servizos e as infraestruturas ata que foron deixando de ser operativas". Hoxe mesmo representantes da Plataforma repetían que "todas estas retalladas poden provocar unha merma da seguridade no ferrocarril, ademais de ir favorecendo o desuso deste medio de transporte a través do peche de estacións e da eliminación de frecuencias". E denuncian que "coa privatización as posibilidades de que haxa accidentes aumentan". Con respecto ao descarrilamento de Angrois sinalan que "este accidente vai obrigar a revisar a maioria dos protocolos en todo o planeta".

Lembran igualmente que "a liberalización e a segmentación de Renfe en catro operadoras choca contra eses obxectivos de acadar un ferrocarril de calidade e público" e advirten de que se está "preparando o terreo para a entrada de operadoras privadas no mercado do transporte ferroviario de pasaxeiros".

"Cada vez máis xente comprende que o AVE non é unha solución. É un tren que non vertebra territorio e ademais non é viable. Imos ir vendo que é unha desfeita medioambiental e que é un tren que vai ter unhas perdas económicas terribles"

Tamén alertan de que "non se está traballando na mellora e na reclamación dun tren interior e de proximidade" e de que "o ferrocarril está en perigo de morte". E centran as súas críticas nos proxectos de alta velocidade: "Cada vez máis xente comprende que o AVE non é unha solución. É un tren que non vertebra territorio e ademais non é viable. Imos ir vendo que é unha desfeita medioambiental e que é un tren que vai ter unhas perdas económicas terribles. É unha obra que vai ficar como algo superfluo e unha ostentación".

O manifesto que se lerá esta tarde na Coruña fai fincapé en catro puntos: a solidariedade coas vítimas e o recoñecemento a veciños e ao persoal público que participou nos traballos de salvamento e atención sanitaria; a solicitude de que se abra "unha comisión de investigación transparente e independente que non estea controlada polo Ministerio de Fomento e na que teñan representación organizacións sindicais e as familias das vítimas"; tamén se fará un "posicionamento contrario ao proceso privatizador"; e haberá unha petición expresa de que se asuman responsabilidades políticas e técnicas se as houber.

Tren de media distancia entre Vigo e A Coruña CC-BY Freecat
Cartaz da concentración © Plataforma en defensa do Tren A Coruña – As Mariñas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.