Callón tenta frear a "insólita" repetición do xuízo no que foi absolto

Carlos Callón, presidente d'A Mesa CC-BY-SA A Mesa

O pasado xaneiro o presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, era absolto no procedemento xudicial iniciado polo ex xuíz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián. O maxistrado pretendía que se condenase a Callón por reprocharlle publicamente a súa afirmación "no tengo ningún rubor en usar la ilegalidad La Coruña". Entre as peticións de Fraga Mandián figuraba "1,5 euros por cada vez que aparece en Google" a frase en cuestión, o que daría lugar a 15.000 euros de indemnización. O presidente d'A Mesa tenta agora non ter que volver sentar no banco dos acusados a causa dunha "insólita" decisión xudicial.

A través dun recurso Callón tenta evitar que "se repita este xuízo", tal e como solicitou Fraga Mandián e aceptou a Audiencia Provincial, por resultar, segundo "todos os xuristas consultados, unha extravagante decisión a respecto da práctica cotiá das audiencias provinciais". Volver celebrar o xuízo -está fixado para o día 10- suporía, en opinión d'A Mesa, unha "alarma" non só para a defensa do idioma, "senón tamén para a igualdade de todas e todos persante a Xustiza". A "apariencia" desta resolución é que "se forzan corporativamente os procedementos xudiciais para tentar sancionar a quen non fixo máis que realizar declaracións de defensa da lei", nomeadamente, da Lei de Normalización Lingüística.

Callón coida que Fraga Mandián tenta "probar en diferentes tribunais até conseguir unha sentenza do seu agrado"

Esta actuación, di o colectivo, "vulneraría, na práctica, o dereito á defensa", toda vez que semella que Fraga Mandián está a procurar que se "repita o xuízo unha e outra vez", "probando en diferentes tribunais até conseguir unha sentenza do seu agrado". No seu recurso, Callón argumenta que "unicamente cabería a repetición do xuízo (...) previa declaración de nulidade e retroacción do procedemento" e sempre que se desen supostos como unha "denegación infundada de probas, de imposibilidade de practicalas" ou de "vulneración de dereitos fundamentais". Neste caso, polo tanto, "a celebración de vista debería, a todas luces, ser rexeitada".

Neste escenario, a defensa de Callón coida que a intención última do procedemento é "poder revogar a sentenza absolutoria para condenar a quen foi absolto, o cal non é motivo aceptábel para concedela, a teor da lexislación procesual vixente nin da xurisprudencia constitucional". Trataríase, din, de botar por terra a sentenza de xaneiro, na que, ademais de liberar o presidente d'A Mesa de culpa, "recordaba toda a lexilsación que recoñece A Coruña como o único topónimo oficial, e sinalábase que é normal e lexítimo que as moi desafortunadas declaracións de Fraga Mandián fosen obxecto de crítica pública", a cal "estaba amparada pola liberdade de expresión".

Carlos Callón, presidente d'A Mesa CC-BY-SA A Mesa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.