Callón, xulgado de novo por censurar que un xuíz empregue 'La Coruña'

Callón, nunha comparecencia ante a prensa CC-BY-SA Merixo

De novo ante a Xustiza por "recriminar" o incumprimento dunha lei. É a situación na que se atopa o presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, que o vindeiro día 30 será xulgado na Coruña nun acto que considera de "criminalización das opinións e da lexítima defensa do noso idioma". A orixe deste litixio está nunha denuncia do decano dos xuíces coruñeses, Antonio Fraga Mandián, que denunciou a Callón despois de que este lle recriminase a utilización en documentos oficiais da forma La Coruña para referirse á Coruña.

Nomeadamente, o caso comeza cando "un veciño pide a documentación en galego" nun proceso legal e o devandito xuíz "lle puxo trabas". "O veciño denunciouno publicamente, o xuíz volve poñer trabas, dende A Mesa lamentamos o esperpento e o xuíz pon unha denuncia contra min". Mentres, o maxistrado asegurou "non ter ningún rubor" en empregar a "ilegalidade do topónimo La Coruña". Ademais, lembran dende o colectivo de defensa da lingua, "con anterioridade o mesmo maxistrado defendera o incumprimento da Lei de Normalización Lingüística no referido á toponimia porque, segundo el, a cuestión do nome da cidade estaba sub iudice.

O xuíz denunciou a Callón por "recriminarlle" que asegurase "non ter ningún rubor en empregar a ilegalidade do topónimo 'La Coruña"

"Non era verdade nada do que dicía", xa que "o propio Fraga Mandián sabía" que "nese momento xa houbera mesmo varios ditames do Tribunal Constitucional apoiando o do topónimo A Coruña" como única forma oficial, toda vez que así o avala a Lei de Normalización, no caso da cidade, e unha reforma legal de 1997, no caso da provincia. O mesmo xuíz, neste caso "nunha resposta a un veciño, tamén chegou a argumentar que el usaba La Coruña e non A Coruña por un erro ortográfico". "Era unha burla -din- porque o erro ortográfico persiste unha e outra vez", mesmo no escrito da denuncia contra callón.

Tras todo isto Callón terá que enfrontarse a este "esperpéntico" xuízo por segunda vez, despois de que o pasado febreiro o seu avogado "recusase a maxistrada" encargada do caso "por entendender que non se respectaban as garantías procesuais". O presidente d'A Mesa tivo coñecemento da data da comparecencia a través de documentos redactados só en castelán xa que, malia ás súas "sucesivas peticións", cada "nova citación que se envía faise excluíndo a lingua escollida polo denunciado". A asociación chama a apoiar a Callón no exterior dos xulgados cunha concentración o día do xuízo ás 12:30 -na coruñesa rúa de Monforte- co obxectivo de rexeitar a actitude dun xuíz que con anterioridade xa denunciou o deputado do BNG Carlos Aymerich, despois de criticar precisamente a demanda contra Callón. Esa denuncia foi xa arquivada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Callón, nunha comparecencia ante a prensa CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.