Cambiar a lei para que maltratar un animal non saia tan barato

Cartel da asociación Libera contra o maltrato animal © Libera

A Lei 1/93 de Protección dos Animais de Galicia está "desfasada". Iso é o que denuncian a asociación animalista Libera, a Fundación Franz Weber e o grupo parlamentario de AGE, que están a traballar nunha proposición de lei que permita aumentar a contía das sancións pola crueldade cara aos animais. A normativa actual, tal e como destacan, implica que, por exemplo, unha persoa que deixe morrer un can, o manteña atado todo o día ou non lle proporcione atencion veterinaria tan só sexa multado con 30 euros.

Coa normativa actual, deixar morrer un can implica unha multa de tan só 30 euros

Ademais, Libera lembra que "a falta dunha lexislación contundente contra os actos de maltrato e crueldade contra os animais" provoca que se abandonasen no territorio, durante 2013, "máis de 13.000 seres vivos", dos que a maioría  morren atropelados ou por fame en diferentes e descoñecidos lugares. Ante esta situación, o colectivo animalista traballa cos deputados de AGE Antón Sánchez, Eva Solla e Ramón Vázquez na elaboración dunha iniciativa desde o Parlamento co que tratarán de que o Goberno "endureza as multas por maltrato animal".

Libera e AGE preparan unha proposición de lei para aumentar as sancións ao maltrato animal

Debaterase na Cámara e serán presumiblemente os votos do PP os que decidan se a proposición é finalmente aprobada e rexeitada. Por iso, Libera vén de lanzar unha campaña na Rede na que recollen sinaturas para unha carta na solicitan ao PP o seu voto afirmativo á proposta e na que tamén piden que a Xunta "asuma a loita contra a crueldade contra os animais". "Non podemos tolerar máis abandonos, máis aforcamentos nin máis mortes violentas", din.

Na misiva, os asinantes consideran que "o actual marco normativo de Galicia é incapaz de baremar axeitadamente as infraccións por actos de malos tratos cara aos animais doméstivos e salvaxes en cautividade".  "Resulta inconcibible que unha infracción leve, como non dar de comer a un animal, poida ser sancionada con só 30 euros. É preciso actualizar e endurecer as multas, para exercer un efecto de disuasión fronte aos irresponsables que abandonan ou maltratan animais", din.

"O actual marco normativo é incapaz de baremar axeitadamente as infraccións por actos de malos tratos cara aos animais"

Ademais, na carta lembran que "a iniciativa" de Libera, Franz Weber e varios deputados de AGE no Parlamento "supón un punto de inflexión moi positivo e un punto de partida necesario".

Cartel da asociación Libera contra o maltrato animal © Libera

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.