Camiñando contra o parque eólico do Morrazo

Roteiro nos montes do Morrazo © Colectivo Nacionalista de Marin

Ao redor dun cento de persoas participaron este domingo no roteiro organizado este domingo pola Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo en protesta contra o plan de instalación de 14 aeroxeradores na zona de Pedras Negras. Durante a protesta recolléronse alegacións contra este proxecto, que se atopa en fase de exposición pública, unhas alegacións que se presentarán até mediados de xaneiro ante a Xunta para demandar a súa paralización. A pasada semana o pleno municipal de Marín rexeito o parque eólico cos votos a favor de Mar-In, BNG e PSOE e a abstención do PP.

A pasada semana o pleno municipal de Marín rexeitou o parque eólico cos votos a favor de Mar-In, BNG e PSOE e a abstención do PP

O roteiro partiu da mámoa de Chan da Arquiña, catalogada como Ben de Interese Cultural, para denunciar que as obras do parque eólico para a ampliación de pistas afectarían de forma importante ao patrimonio arqueolóxico da zona, onde tamén están as mámoas de Fonteseca e Chan de Lagucheiros e o petroglifo de Outeiro do Gorgullo. O Colectivo Nacionalista de Marin denuncia que as áreas naturais de monte Formigoso, Chan de Arquiña, Chan de Gagán, Chan de Xestoso, Serra Domego, Chan da Carqueixa, Chan de Pedras Negras, Os Candóns, Chan de Goa, Serra Basil e Outeiro da Charamiza, así como Monte Faro de Domaio e Coto do Home, os montes máis altos da península do Morrazo, "veríanse afectados polos movementos de terra e a construción de pistas de acceso", así como os nacementos dos ríos Loira, da Fraga, Miñouba e Riomaior, estes dous últimos con saída na súa desembocadoura dentro do LIC da enseada de San Simón.

Pola súa banda a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo cre que debe predominar a economía pública sobre a privada e que polo tanto ao ser, o parque eólico, unha actividade privada e con ánimo de lucro "non se valoran axeitadamente os efectos negativos sobre o medio e a súa contorna". A Plataforma considera que é preciso "manter os recursos que son máis rendíbeis dende un punto de vista social, que non inclúe exclusivamente os beneficios monetarios senón que se debe abarcar un concepto máis amplo, o benestar da sociedade que ten os dereitos de propiedade sobre os recursos que se xestionan".

Roteiro nos montes do Morrazo © Colectivo Nacionalista de Marin

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.