Campaña polo boicot á reválida que a Lomce impón en Primaria

Manifestación contra a LOMCE CC-BY-SA Merixo

O sindicato STEG vén de lanzar unha campaña en contra da reválida que terán que levar a cabo os alumnos de 3º de Primaria no vindeiro mes de maio. O sindicato educativo, segundo avanza nun comunicado, está a organizar reunións coas federacións de Anpas de Galicia para informar de como "esquivar ou eludir" eses exames destes curso 2014-15. Para logralo, pídelles ás nais e pais que non leven os seus fillos ese día ao centro. 

O STEG reúnese coas anpas galegas para informar de como "esquivar o eludir" a reválida que impón a Lomce en 3º de Primaria

Tal e como explica o STEG, a nova lei educativa (Lomce) aprobada polo PP "en contra de toda a comunidade estatal" contempla, entre outras moitas medidas "perniciosas", a realización de "avaliacións diagnósticas externas" que deberan comezar neste presente curso en 3º de Primaria. O sindicato di "opoñerse" a estas probas porque "entran en contradicción coa avaliación continua, porque someten a un estrés innecesario a alumnado de 8 anos de idade e porque cos resultados destas probas tense previsto establecer ránkings que servirán a posteriori para determinar que centros deben levar máis recursos, rompendo os principios de equidade e igualdade de oportunidades".

O sindicato pide aos centros que se "pronuncien masivamente" contra elas e aos pais que "non leven os fillos ao centro ese día".

Ademais, durante este curso, esas probas só terán carácter orientativo, polo que "non realizalas non acarreará consecuencias legais nin académicas". Ante esta situación, o STEG pide aos claustros e consellos escolares que se "pronuncien masivamente" contra a realización destas reválidas e solicita ás nais e pais do alumnado que non os leven ao centro educativo ese día para "amosar o desacordo coa devandita proba e reivindicar a súa eliminación".

"Non leves a túa filla/o ese día ao centro", resume o lema da campaña, que intenta escenificar o rexeitamento a unha das medidas máis controvertidas dunha Lomce que foi fortemente contestada xa polo alumnado e o profesorado durante varias manifestacións, folgas e actos reivindicativos. 

Alumnos dun colexio de Infantil e Primaria © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.