Cancións para que Nova Escola Galega siga camiñando

Faixa de Nova Escola Galega CC-BY-SA Merixo

Nova Escola Galega (NEG) celebrou recentemente o seu 30 aniversario, tres décadas nas que este movemento de renovación pedagóxica e de defensa do ensino público e en galego realizou un intenso traballo de análise e debate do sistema educativo, de formulación de alternativas e de formación do profesorado. A pesar do seu prestixio e dos centos de persoas que nun ou noutro momento colaboraron coa entidade, a crise e os recortes golpean á súa base económica, como eles mesmos salientan: "As difíciles condicións actuais esixen desenvolvermos accións alternativas para poder sustentar economicamente o noso proxecto asociativo". 

Por este motivo Nova Escola Galega organiza este sábado unha gala para recadar fondos, na que participarán Agustín Fernández Paz, Os D’Abaixo, Odaiko, Cis Frambá e o espectáculo A miña primeira Rosalía (Mª Manuela, Mero, Mini e Xiana Lastra). Será a partir das 19 horas no Auditorio de Galicia, presentado por Alberto Mancebo, e con entradas a 15 euros. Tamén se ofrece a posibilidade, no caso de non poder asistir, de mercar unha localidade na fila 0. Na presentación desta gala, Para Seguirmos Camiñando, destácase a importancia que neste momento teñen entidades como NEG, "precisamente nun momento no que sufrimos o maior ataque á educación pública e á lingua, que desde o noso nacemento podemos recordar". 

Mariló Candedo, presidenta de NEG, destaca que “os movementos asociativos téñeno complicado para manter o seu proxecto, porque non hai liñas de subvención e a xente retráese de participar en actividades” e engade "amigos que temos no mundo da música ofrecéronos a posibilidade de facer este concerto, como algo balsámico, para coller azos, porque consideramos que no actual momento é interesante manter un proxecto coma o noso, de defensa da educación pública, da normalización lingüística, da renovación pedagóxica no ensino”. Candedo sinala, ademais, que “a vitalidade dunha sociedade está en que teña movementos alternativos, que plantexen discursos distintos ao dominante. Queremos seguir mantendo unha voz diferente, profesionalizada, a favor da educación pública”.

Candedo sinala, ademais, que “a vitalidade dunha sociedade está en que teña movementos alternativos, que plantexen discursos distintos ao dominante. Queremos seguir mantendo unha voz diferente, profesionalizada, a favor da educación pública”

Candedo subliña que “unha das características de NEG é a nosa pluralidade e independencia, e posiblemente esa independencia estea tamén detrás de certos momentos de febleza económica do noso proxecto". "O feito de non depender de ningún sindicato ou partido e de ter unha base moi plural, e manter esa independencia durante trinta anos, creo que é meritorio”, destaca e engade que “sempre fomos moi capaces de traballar en rede, con outras organizacións”.

 

30 anos loitando polo ensino público

O pasado ano Nova Escola Galega recibiu o Pedrón de Ouro á súa traxectoria. O premio recoñecía "a vontade continuada no tempo a prol da renovación pedagóxica, da galeguización lingüística e da galeguización curricular, tanto desde as aulas de educación infantil como das universitarias" e salientaba que "vén promovendo unha educación alicerzada nas ideas da xustiza, da liberdade e da solidariedade, para formaren cidadáns e cidadás conscientes do País que habitan, conscientes da nosa lingua e cultura". Naquel momento, os responsables da entidade destacron que o galardón era "un recoñecemento non á NEG como organización, senón aos centos e milleiros de mestres que neste anos traballaron ou participaron nas actividades organizadas por Nova Escola Galega".

“Avanzouse moito, pero deixáronse forzas no camiño. Non parece un bo momento para o activismo. Estámolo vendo: coa cantidade de medidas e recortes, non hai unha resposta social potente”

Xosé Lastra, vicepresidente de NEG, fai balance das tres décadas de actividade da organización: “avanzouse moito, pero deixáronse forzas no camiño. Non parece un bo momento para o activismo. Estámolo vendo: coa cantidade de medidas e recortes, non hai unha resposta social potente”. "Ten que haber un recambio xeracional", conclúe. Lastra lembra que “ao comezo a xente acudía ás nosas actividades formativas e cursos por militancia e por un grande interese no tema; despois a maior parte dos asistentes facíano porque estes cursos se esixían para acadar determinados méritos en concursos. E agora, que xa a administración conta coa súa propia oferta formativa que cobre esa necesidade de acadar puntos, nós quedamos con actividades que nos interesan especialmente: xogos populares, sobre as tics, recursos educativos...”

Mirado cara o futuro, Lastra centra os tres grandes obxectivos de Nova Escola Galega: "A primeira tarefa é a análise de formulacións que emanan da administración, unha análise crítica acompañada de alternativas, e facer chegalas ao conxunto do profesorado. En segundo lugar, transformar esas alternativas propostas en actividades concretas, actividades formativas. E o terceiro pé sería a actividade que facemos a través da Revista Galega de Educación e NEG Opina”.

 

A LOMCE

A entidade denunciou en varias ocasións que o proxecto do ministro Wert pretende "lexitimar con carácter estrutural unha política de recortes inicialmente conxuntural"

A batalla contra a LOMCE e a política educativa do Partido Popular centrou boa parte da acción de NEG nos últimos dous anos. A entidade denunciou en varias ocasións que o proxecto do ministro Wert pretende "lexitimar con carácter estrutural unha política de recortes inicialmente conxuntural". Para NEG, Wert e o goberno do PP "pretenden dar por sentado, para que así o acepte a opinión pública, que a educación é un “gasto” que cómpre reducir na presente conxuntura económica mediante un simple exercicio contable, e non un “investimento” irrenunciable". 

A este respecto, Mariló Candedo destaca que o ataque á suposta menor calidade do ensino público “é un discurso claramente interesado. Ti dis que a escola pública está mal e ofreces como solución a privada en virtude dunha suposta calidade. Pero entendendo por calidade algunhas cuestións moi debatibles, mesmo a idea de excelencia, que tira por fóra as oportunidades de moita xente e a posibilidade de chegar a uns obxectivos comúns". De igual xeito, sinala que a LOMCE "emprega uns criterios que esquecen ratios fundamentais, coma a de estudantes por mestre, facendo ver que quitando recursos podes ofrecer o mesmo". Para NEG "destaca poderosamente a formulación da medida da calidade do sistema: en función do “output” (resultados dos estudantes) e non do “input” (niveis de investimento, número de profesores, de centros etc)".

A LOMCE "emprega uns criterios que esquecen ratios fundamentais, coma a de estudantes por mestre, facendo ver que quitando recursos podes ofrecer o mesmo"

NEG criticou igualmente "a perda de peso, tanto do profesorado no seu conxunto como dos órganos colexiados do centro, claustro e consello escolar -convidado de pedra ao quedar relegado a funcións puramente consultivas-" que apunta "a un reforzamento do modelo xerencialista e empresarial" nos centros. Denunciaban tamén que relega a Formación Profesional á "unha vía de segunda categoría", despois de anos en que se estaba "logrando superar ese estigma".

Faixa de Nova Escola Galega Dominio Público Praza Pública
Cartaz da gala organizada por Nova Escola Galega Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.