Cando é a Xunta quen te bota da casa

Protesta contra os desafiuzamentos en Vigo CC-BY-NC-SA CIG

Durante os anos 90 eran habituais en Galicia as imaxes de actos públicos nos que dirixentes da Xunta, en ocasións o propio presidente Fraga, repartían sorrisos e chaves de vivendas erguidas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS). Eran as coñecidas como "vivendas sociais", pisos construídos na súa gran maioría nas grandes cidades galegas e dunha calidade razoable que acollían a persoas e familias cuxos ingresos económicos non chegaban para mercar unha casa no mercado libre. Carme (nome figurado) foi unha das agraciadas. En 1992 o seu nome foi seleccionado nun daqueles sorteos e adxudicóuselle un piso, tendo en conta factores como a súa condición de divorciada cun fillo ao cargo, daquela de seis anos de idade. Case dúas décadas despois aquela designación que semellaba solucionarlle a vida no que a vivir baixo teito se refire converteuse nun drama sen paliativos.

A piques de cumprir os 50 anos "alguén decidiu que era demasiado vella para traballar", conta en conversa con Praza Pública. "Nin o contínuo despregamento de currículums nin unha interminable rolda de entrevistas deron resultado" e os escasos aforros foron minguando, ata o punto de ser imposible facerlle fronte aos algo menos de 300 euros mensuais da hipoteca que o IGVS xestionou a través da antiga Caixa Galicia. Cando Carme viu que as contas non daban realizou múltiples "intentos de chegar a un acordo co IGVS", pero "este organismo pechoume todas as portas", tamén a de "permanecer na vivenda en réxime de alugueiro, como parece ser que se fixo noutros casos".

"Durante meses tiven que soportar que cada poucos días me enviasen unha funcionaria que, aporreando a porta, me instaba a abandonar o piso"

Pero o sufrimento non foi só o provocado por verse abocada ao desafiuzamento. "Non contentos con isto", lembra, "durante meses tiven que soportar que cada poucos días me enviasen unha funcionaria que, aporreando a porta", subliña, "me instaba a berros a abandonar inmediatamente o piso". Deste xeito, recorda con amargura, "asegurábase de que, se algún veciño descoñecía a situación, isto fose remediado de inmediato". Carme, "loxicamente", negouse a recibila. "Aquela, mentres non me botaran, seguía sendo a miña casa", di.

Xa "desesperada" e ante novos rexeitamentos por parte da Xunta para atopar unha alternativa ao desaloxo, "tentei atopar axuda na xustiza gratuíta". "Despois dun prazo relativamente breve, asignóuseme unha letrada de oficio", relata, pero "a día de hoxe aínda non se dignou a realizar a máis mínima xestión". Ante unha estupefacta Carme a avogada "alegou, entre outras cousas, que eu non daba o perfil de desafiuzada". "Ignoraba que existe un perfil concreto para isto", reflexiona. Ademais, "para rematala, cando se enterou da miña condición de divorciada díxome que seguramente tería, palabras textuais -salienta- 'un ex marido con pasta' e que recorrese a el".

"Nin me comunicaron a data do lanzamento"

Con todas as saídas pechadas a Carme só lle restou agardar polo desafiuzamento. "Aínda lembro a angustia, escoitando o máis mínimo ruído na escaleira, xa que a avogada en ningún momento me comunicou a data do lanzamento, nin sequera cando se nomeou a comisión xudicial" encargada de executalo. "Hora tras hora albiscaba por tras da cortian, esperando o momento en que aparecera o taxi do Xulgado". "Cada mañá, cando saía da casa, pensaba que igual xa non podería volver entrar", nunha tensión que "acaba por minarte", recoñece.

"Cada mañá, cando saía da casa, pensaba que xa non podería volver entrar"

Mentres isto sucedía os pensamentos de Carme multiplicábanse na procura de alternativas para non ficar, literalmente, na rúa. "Eu, persoalmente, non podía nin custear unha mudanza" e, ademais, "para acceder a un alugueiro precisas dispoñer dunha fianza, cando non dun aval bancario, cousas que obviamente, dada a situación, eu non tiña". "Grazas á axuda dalgún amigo" e "case por casualidade, puiden lugar un piso" poucos días antes de que o IGVS executase o desafiuzamento. "Pero sigo desempregada e o pagamento fáiseme case imposible, polo que sigo coa espada de Damocles por riba de min". Tampouco desapareceu a angustia: "aínda sigo sobresaltándome cando alguén chama á porta", porque "non podo esquecer" os días de agarda polo desaloxo. "O único consolo" que lle quedou a Carme de todo o proceso foi que, grazas a esa pequena marxe de días "o meu fillo, que por sorte está xa independizado e que axudou en canto puido, non tivo que soportar o bochornoso espectáculo" de asistir ao desafiuzamento. "Non lle desexo a ninguén que teña que pasar por isto", conclúe.

Protesta contra os desafiuzamentos en Vigo CC-BY-NC-SA CIG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.