Cando o crecemento da cidade te expulsa da túa casa

Dúas das vivendas en risco de desaparición © Ergosfera

A maior parte das operacións urbanísticas realizadas en Galicia desenvólvense en espazos nos que hai vivendas habitadas, por mor do poboamento disperso habitual no país. Porén, estas operacións de transformación, trazadas con tiraliñas a través dos PXOM, poucas veces teñen en conta estes residentes previos, ata o punto de que a complexa documentación que compón estes plans non recolle as vivendas que se poden ver afectadas por unha recualificación do solo. A lexislación, dende as normas máis xerais ata as leis autonómicas, favorece ademais a acción dos promotores inmobiliarios e facilita que estes poidan derrubar e construír na parcela escollida se simplemente poñen de acordo á maior parte dos propietarios dos terreos, aínda que as persoas residentes no lugar estean en contra. Estes e estas residentes, pouco ou nada poden facer nesas situacións. Deben aceptar perder as súas vivendas e terras de cultivo para converterse en promotores, unha situación que moitas veces non desexan e que mesmo poden non ter capacidade de levar a cabo.

"Do Ofimático aprendemos que o urbanismo é un proceso de transformación do territorio no que os seus habitantes poden verse convertidos en simples testemuñas e vítimas duns plans que nunca lles foron explicados"

No marco do CoLab posto en marcha polo Concello da Coruña, nos últimos meses a asociación cultural Ergosfera levou a cabo un intenso traballo de investigación, baixo o título de Co urbanismo nos talóns, para primeiro identificar aquelas vivendas e veciños/as que na cidade da Coruña (sobre todo nas zonas rurais pero non só) poden estar en risco de expropiación ao abeiro do Plan Xeral de 2013. Primeiro, información. E, segundo, autorecoñecemento e organización, porque o obxectivo final do proxecto (que ten vocación de continuidade) é facer unha fronte común entre toda a comunidade afectada para facer presión e evitar cousas coma as que sucederon hai tres anos en Elviña, onde a mobilización cidadá non foi quen de impedir a expulsión dunha familia da súa vivenda. A experiencia da loita de Elviña está, de feito, na orixe deste proxecto, que ten un precedente noutra investigación realizada por Ergosfera o pasado ano (Cousa de Elviña). "Se algo aprendemos do Ofimático é que o urbanismo é un proceso de transformación do territorio no que os seus habitantes poden verse convertidos en simples testemuñas e vítimas duns plans que nunca lles foron explicados, nin moito menos consultados", destaca o colectivo. A pasada semana o Concello da Coruña anunciaba precisamente a desafectación de cinco vivendas ameazadas de derrubo dende o ano 2014.

A análise realizada sobre o terreo polos e polas integrantes de Ergosfera concluíu que son 1.198 as vivendas que poderían desaparecer na Coruña se se levan a cabo todos os desenvolvementos proxectados no actual PXOM. Dende o pasado mes de outubro o colectivo vén contactando coa veciñanza destes núcleos para informalos da súa situación, ademais de difundir esta realidade a través de tres roteiros nos que participaron ducias de persoas, e convocando finalmente dúas asembleas, como unha forma de xerar lazos entre persoas que se poden ver afectados e afectadas no futuro por problemas semellantes. Este sábado 16 terá lugar a segunda destas asembleas (no Centro Cívico Eirís), na que tamén participarán unha decena de entidades sociais con experiencia en loita polo territorio e a vivenda (Santa Cruz aberta ao mar, Salvemos Bens, Stop Desafiuzamentos, Elviña Non Se Vende, Comisión Aberta en Defensa do Común, Arquitectura Sen Fronteiras...) e representantes de varias concellerías do Goberno municipal.

 

Anticiparse aos conflitos

A análise realizada concluíu que son 1.198 vivendas as que poderían desaparecer na Coruña se se levan a cabo todos os desenvolvementos proxectados no actual PXOM

"O obxectivo é evitar que centos de veciños e veciñas da Coruña teñan que enfrontarse aos mesmos problemas de presión urbanística e desprazamento que provocou nos últimos anos o desenvolvemento do Plan Parcial Parque Ofimático en lugares como Elviña, Galán, Xuxán, As Cernadas, Eirís de Abaixo ou O Foxo", salientan dende Ergosfera, que destaca que "é unha responsabilidade adiantarse aos efectos destas situación e indagar colectivamente cantas persoas se poden ver afectadas", se "existen alternativas para a veciñanza" e "cal podería ser o papel do Concello".

"Pode dar a impresión que dende o ano 2007, pola crise, os procesos están parados. Pero para nada, continúan por detrás: séguense mercando terreos, seguen aumentando porcentaxes", destaca Iago Carro, un dos integrantes de Ergosfera. "Por iso era importante, aínda que agora non parecese o máis urxente do mundo, comezar este traballo canto antes. Porque canto antes se pillen estes procesos, máis posibilidades haberá de que se poida facer algo para axudar os veciños. Porque unha vez que están iniciados, como vimos no caso do Ofimático, é complicadísimo", engade.

No momento en que unha construtora pon os ollos nunha parcela afectada, comeza un proceso silandeiro e opaco: compra de terreos de propietarios non residentes no lugar, ofertas económicas aos veciños e veciñas expostas cada vez con máis insistencia, ameazas de expropiación, accións legais, solicitude de cotas de urbanización inasumibles, presións mediáticas... Estas operacións moitas veces non se fan públicas e esta falta de información e difusión, unido ao illamento da veciñanza afectada (moitas veces envellecida e desconectada das redes políticas e activistas), xoga a favor dos promotores. De aí a importancia do proxecto posto en marcha por Ergosfera. "Unha das claves deste proxecto é deixar claro que estamos ante un problema colectivo e que nos afecta a todos. Ten que ser así, é a única maneira de asumir estas loitas", destaca Iago Carro.

"O obxectivo é evitar que centos de veciños e veciñas teñan que enfrontarse aos mesmos problemas de presión urbanística e desprazamento que provocou o desenvolvemento do Ofimático"

Estes veciños e veciñas, de feito, xa están sufrindo prexuízos mesmo antes que a presión dos promotores urbanísticos chegue ás súas zonas. Moitas veces, naquelas parcelas que un PXOM declara transformables ou urbanizables non se realizan as obras de actualización urbanística convencionais ata que non se executen as figuras urbanísticas establecidas no plan. Para iso poden pasar 5, 10 ou 30 anos e mentres estes núcleos carecen de servizos públicos básicos (sumidoiros, beirarrúas, iluminación, mobiliario urbano...). "Ás administracións non lle interesa investir nun territorio sabendo que iso se vai transformar no futuro", explica Carro.

 

Coexistencia do novo e o vello, que achega riqueza

"Pode dar a impresión que dende o ano 2007, pola crise, os procesos están parados. Pero para nada, continúan por detrás: séguense mercando terreos, seguen aumentando porcentaxes"

Nos procesos de transformación urbana, o sistema favorece a destrución do preexistente e a creación ex novo dos espazos que van ser habitados. Ergosfera denuncia que esta práctica non só é insustentable, senón que ignora a riqueza urbanística previa, aquilo que podía dotar de identidade e singularidade aos novos espazos construídos (ás veces dolorosamente semellantes nunha e noutra cidade, nun e noutro país). "A práctica actual non ten sentido: nin tan sequera tentan incluír o existente ata onde sexa posible. Tanto por xustiza cara ás persoas que alí habitan se o queren seguir facendo aínda que os seus arredores vaian cambiar, como polos seus valores urbanísticos como pezas que dotan de vida, carácter e urbanidade á nova peza da cidade xa desde o seu comezo, os seus valores como patrimonio histórico que permiten unha lectura do territorio desde a memoria", destacan, engadindo que, ademais, "na maioría de ocasións non ten sentido malgastar recursos destruíndo vivendas para construír outras novas".

"Na maioría de ocasións non ten sentido malgastar recursos destruíndo vivendas para construír outras novas"

Non se trata só de vivendas: o urbanismo que só entende facer táboa rasa do territorio sobre o que deseña borra "solos produtivos-agrícolas, redes de camiños que priman a mobilidade peonil, vexetación e ecosistemas inexistentes noutros ámbitos da cidade, modos de vida, actividades e memorias diversas...", destacan dende Ergosfera, que aposta pola coexistencia "do novo e do vello", o que permite introducir "complexidade" na cidade

Despois está o dereito, tan básico, dos habitantes dun lugar de seguir residindo nos seus fogares, persoas que non queren cartos nin a posibilidade de construír outras vivendas. Ergosfera salienta que o sistema entende as recualificacións de terreos e a súa afectación "case como unha bendición para quen lle toque". "Como non vai ser máis desexable a participación nas plusvalías urbanísticas que o simple feito de habitar un lugar?", ironiza. "Mesmo nos casos nos que non haxa unha vontade explícita de beneficiar o sector inmobiliario, unha boa parte do poder político considera que o mellor que lle pode pasar a unha persoa propietaria é facer negocio co que ata ese momento só tiña a opción de utilizar para vivir", engade. "No conflito de Elviña evidenciouse que isto non era así, que había xente á que non lle interesaba entrar no negocio inmobiliario", lembra Iago Carro.

"Estamos falando dun problema urbanístico, pero tamén social. É un modo de vida determinado o que está sendo asimetricamente desfavorecido pola presión urbanística"

"Estamos falando dun problema urbanístico, pero tamén social", conclúe Carro, que destaca que "é un modo de vida determinado o que está sendo asimetricamente desfavorecido pola presión urbanística". Carro destaca que nos encontros mantidos coa veciñanza afectada atoparon "unha certa agresividade, desconfianza". "Hai xente que está moi queimada. É moi entendible", comenta. Porén, hai (sobre todo entre aqueles e aquelas que acudiron dende todos os puntos da cidade á primeira asemblea) "moita curiosidade e gañas de comezar a traballar".

 

Lugares afectados polos procesos de transformación urbana previstos no plan de 2013 © Ergosfera
Imaxe dun dos roteiros celebrados no marco do proxecto © Ergosfera
Outro dos espazos ameazados © Ergosfera

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.