Cando os prexuízos solapan a denuncia da violencia machista

Acción da Marcha Mundial das Mulleres contra a violencia machista CC-BY-SA Marcha Mundial das Mulleres

Os últimos días de febreiro estiveron marcados en Galicia polo asasinato de María Luisa Jiménez, a segunda vítima mortal da violencia machista en territorio galego no que ía de ano e a décima no conxunto do Estado. A medida que pasaban as horas os detalles en torno á morte de María Luisa tornaban o suceso aínda máis estarrecedor. Non obstante, pouco despois cuestións relativas á súa familia ou á súa etnia comezaron en múltiples medios de comunicación a solapar a cerna de cuestión, isto é, que fora vítima dunha agresión machista con resultado de morte. Foi un desvío de atención alimentado por "prexuízos" nos que vén de poñer o foco o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG).

Como xa acontecera tras a morte da nena Asunta Basterra en Compostela, desta volta é o CEESG o colectivo profesional que se ve obrigado a lembrar algúns dos puntos máis destacados do código deontolóxico do xornalismo "e a responsabilidade coa sociedade" das traballadoras e traballadores da información. O oficio de informar debe "evitar calquera información ou dato imprecio que poida lexionar ou menosprezar a dignidade das persoas", "tratar con especial tino a información que poida afectar a menores" e "actuar con especial responsabilidade e rigor no caso de informacións ou contidos que poidan suscitar discriminacións". En determinadas novas sobre este presunto asasinao "ningún deses tres criterios se cumpriu".

O CEESG denuncia que no caso de Maria Luisa Jiménez obviouse "o verdadeiramente importante, que a violencia machista segue a cobrar vítimas"

Ao obviar estes preceptos en casos como o de María Luisa Jiménez "o verdadeiramente importante, é dicir, que a violencia machista segue a cobrar vítimas", ficou nun segundo plano. Tamén que o relevante é a agresión por razón de xénero e non a "comunidade, cultura ou pobo ao que se pertenza". "O aproveitamento da dor das vitímas e das súas familias para obter informacións e datos que só contribúen ao sensacionalismo prexudica gravemente á comunidade de pertenza, neste caso a xitana, e alimentan estereotipos e prexuízos que fomentan a discriminación contra a que dende este colectivo vimos traballando dende hai moito anos", subliña o CEESG.

As educadoras e educadores sociais lamentan o "tratamento sensacionalista de rasgos e códigos culturais"

"Lamentamos profundamente o tratamento que dende algúns medios se fixo deste tema", abonda o CEESG, que enumera só algúns dos "motivos" que fixeron prender as alarmas: "exposición de menores de idade, non respecto á intimidade persoal e familiar en momentos de dor, especulación de sucesos baixo segredo de sumario e tratamento incorrecto e sensacionalista de rasgos e códigos culturais". A propia Constitución, lembran, establece que as persoas son iguais ante a lei "sen que poida prevalecer discriminación ningunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social".

Na liña da Declaración de Compostela

Este chamamento á "responsabilidade social dos medios de comunicación" ao informar e concienciar sobre a violencia machista prodúcese cando están a piques de facerse dez anos da aprobación da Declaración de Compostela, promovida polo Observatorio Galego dos Medios do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia no outono de 2004. Xa naquela altura o Colexio advertía "eivas de enorme gravidade" nestas informacións, entre as que salientaba "ignorar ou subestimar o dereito á intimidade persoal e familiar das vítimas" ou obviar que a orixe da violencia de xénero é "un modelo patriarcal de sociedade no que o rol feminino estivo e está supeditado ao masculino".

Este 2014 fai dez anos a Declaración de Compostela, primeira guía do xornalismo galego para abordar a violencia machista

Aquela declaración, considerada como unha das primeiras guías neste ámbito para o xornalismo galego, lembraba que este tipo de violencia "non se manifesta só nos malos tratos no ámbito doméstico", senón tamén "nos abusos e agresións sexuais, no acoso laboral, na prostitución e na violencia específica e singular contra as nenas" e, nesta liña, medios e xornalistas deben enfocar estas agresións "como unha violación dos dereitos humanos e como un atentado contra a liberdade e a dignidade das persoas". Ao contrario do que acontecía daquela e segue a acontecer agora en certos ámbitos, a declaración recomendaba non tratar as agresións machistas "como casos illados de crónica negra", senón como "un problema social" enmarcado "na problemática xeral da violencia contra as mulleres".

"Ante este tipo de delitos non cabe a neutralidade", salientaba o CPXG, que apelaba ao "compromiso activo na denuncia da violencia de xénero", así como a "evitar o sensacionalismo, o morbo e o dramatismo". A estes criterios sumábanse outros como o devandito respecto ao dereito á intimidade das persoas agredidas, especialmente das menores de idade, ou a necesidade de recorrer ás fontes expertas para tratar o problema. "Medios e xornalistas evitarán os estereotipos, prexuízos e tópicos ligados á violencia contra as mulleres", remataba a declaración. Dez anos despois, semella que aínda fica moito traballo por diante.

Faixa contra a violencia machista na marcha a prol do dereito aborto do 9 de marzo CC-BY-NC-SA CIG-Avantarvideos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.