Caravanas de vehículos demandaron a conxelación das peaxes na AP9

Unha das caravanas organizadas polo BNG © BNG Comarca A Coruña

Ducias de condutores e condutoras, convocados polo BNG, bloquearon este sábado tres das peaxes da AP9, en protesta polo continuo incremento dos prezos que esta autoestrada cobra, e en demanda da súa conxelación, como primeiro paso cara á súa gratuidade. Os vehículos, baixo o lema Galiza sen peaxes, marcharon en caravana,dende Pontevedra, A Coruña e Ferrol até as peaxes de Campañó, Guísamo e Cabanas, respectivamente, para unha vez alí abonar as tarifas con céntimos, provocando retencións durante uns minutos.

Os responsables da autoestrada abriron máis cabinas do habitual para minimizar o efecto da protesta, e por exemplo en Cabanas estaban operativos tres postos de pagamento, no canto da única cabina habitualmente aberta. 

O BNG demanda que se paralicen de inmediato as subidas das peaxes en todas as autoestradas galegas como primeiro paso para iniciar o proceso de rescate para a xestión pública destas vías de alta capacidade, coa finalidade última de que sexan integradas na rede viaria galega e acadar a súa gratuidade para o usuario que, como contribuínte, xa sufragou o custe de construción destas infraestruturas. A formación nacionalista tamén denuncia o deseño “centralista” das infraestruturas viarias que leva a que viaxar entre Ferrol e Madrid (16,20€), sexa máis barato que entre Ferrol e Vigo (17,65€).

Os actos de protesta tamén demandaron o cumprimento estrito dos compromisos das concesionarias en relación á calidade do servizo -en particular cobradores, iluminación e asfaltado-, pois a día de hoxe converteuse en habitual a ausencia de cobradores e é evidente un deterioro xeneralizado da capa de rodadura.

Unha das caravanas organizadas polo BNG © BNG Comarca A Coruña
A caravana, preto dunha peaxe na comarca da Coruña © @Arredeeemo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.