Carlos Varela pide "estar atentos" para que a comisión parlamentaria anticorrupción "sexa efectiva"

Carlos Varela, nun acto con Núñez Feijóo © Xunta

Hai moito que falar sobre corrupción e poucas persoas poden facelo con tanto coñecemento de causa como Carlos Varela, fiscal superior de Galicia. Convidado por A Nave das Ideas, Varela ofreceu unha conferencia en Vigo sobre a corrupción do sistema e nun ateigado salón de actos da Casa Galega da Cultura cualificou a corrupción de “enfermidade social”.

“É necesaria unha cultura cidadá, que non acepte os comportamentos corruptos, ainda que non sexan delictivos”

Para combatela fixou dúas prioridades: unha referida á estrutura e aos procesos do sistema xudicial, no que reclamou un órgano específico para loitar contra ese problema e "xuíces, fiscais, peritos e policía xudicial especializada en corrupción". A segunda ten que que ver co corpo social: Varela salientou que “é necesaria unha cultura cidadá, que non acepte os comportamentos corruptos, ainda que non sexan delictivos”. Tamén se referiu á anunciada creación no Parlamento dunha comisión de estudio para a elaboración dun plan de prevención da corrupción. O fiscal superior de Galicia valorou positivamente a medida pero recomendou "estar moi atentos" para conseguir que sexa un "mecanismo efectivo" e a devandita comisión cumpra coa súa misión.

No acto estiveron presentes tamén un bo número de afectados e afectadas pola estafa das participacións preferentes e as subordinadas, que lle preguntaron a Carlos Varela sobre as perspectivas de solución do seu conflito e sobre a súa orixe. Varela dixo confiar en que a Xustiza estea "á altura" e sinalou que “o problema estivo en que fallou o mecanismo de control para limitar os excesos" engadindo a ese respecto que se está a estudar a responsabilidade legal dos membros do Banco de España.

Avogou pola creación dunha estructura xudicial baseada en “ múltiples xulgados individuais, ao xeito de pequenas illas”

Varela tamén puxo o énfase na lentitude da Xustiza para resolver certos asunto e sinalou que é decote "áxil" nos delitos pequenos, pero que adoita "bloquearse" cos casos máis graves. Neste senso avogou pola creación dunha estructura xudicial baseada en “ múltiples xulgados individuais, ao xeito de pequenas illas”.

Carlos Varela, nun acto con Núñez Feijóo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.