Case catro mil sinaturas piden xa permitir o acceso dos animais ao transporte público na Coruña

Na meirande parte de Europa os animais poden acceder ao transporte público, cunhas determinadas condicións en cada caso © http://mascoteros.es/

A Asociación Animalista Libera iniciou hai uns días unha petición online na que insta o Concello da Coruña, en concreto a Mª Begoña Freire Vázquez, Concelleira de Tráfico, a modificar a normativa que na actualidade prohíbe o acceso dos animais domésticos ao transporte público na cidade. Na iniciativa, que dende un comezo buscaba recoller cinco mil apoios e que xa roza as catro mil, pídese unha flexibilización desta normativa, para permitir o acceso fixando unhas determinadas condicións, como xa comezaron a facer algunhas cidades do Estado, como Barcelona, Zaragoza ou Fuengirola, e como é habitual na meirande parte de Europa.

A iniciativa está promovida por Libera, que pide unha modificación lexislativa coma a que recentemente se aprobou en Zaragoza, Funegirola ou Barcelona. Na meirande parte das cidades de Europa é unha práctica habitual

Na actualidade, segundo a ordenanza de protección e tenza de animais da Coruña, estes só poden subir no autobús "nun transportín ou modelo análogo", o que dificulta moito a viaxe para os cans medianos ou grandes. A petición lembra que moitos cidadáns empregan as redes do autobús público para trasladar cans e gatos ás clínicas veterinarias, ou tamén para achegarse a unha área canina, que na Coruña só existe no Parque de Santa Margarida. Libera salienta que "flexibilizar esta situación supón mellorar a convivencia e realizar unha importante tarefa de sensibilización a favor da protección e respecto cara aos animais, fomentando tamén a fin da exclusión dunha porcentaxe de potenciais usuarios".

Dende o 1 de xaneiro en Zaragoza as preto de 150.000 persoas que conviven con algún animal doméstico poden viaxar con eles no transporte público da cidade. Iso si, esta medida está suxeita a condicións, pois os animais deben viaxar na parte traseira de autobuses e tranvías e deben ir atados e levar bozo. Na meirande parte das cidades de Europa o acceso permítese dende hai moito tempo, e en moitos lugares se ningunha obriga de levar atados os animais. Dependendo das cidades, os animais teñen que pagar unha parte do billete ou non.

Na meirande parte de Europa os animais poden acceder ao transporte público, cunhas determinadas condicións en cada caso © http://mascoteros.es/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.