Catrocentos faxes contra as touradas na Coruña

Público nas touradas da Coruña, no verán de 2012 CC-BY M. Pereira

A plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas fixo efectivo o seu ultimátum á solicitude de encontro coas edís de barrio rexistrada hai xa unha semana no Concello da Coruña. Así, e logo da negativa dos representantes do consistorio, os abolicionistas lanzaron unha campaña de “faxctivismo”, unha orixinal e novidosa forma de protestar que consiste no envío masivo de faxes a un determinado ou varios números.

A acción de "faxctivismo" responde á negativa dos representantes do Concello a reunirse coa plataforma

Esta iniciativa ten a súa base en Oiga.me un espazo dixital da asociación ALabs que funciona con software libre e permite dende as accións case tradicionais de recoller sinaturas ou enviar correos electrónicos ata o envío de fax. En menos dun día, a campaña de Galicia, Mellor Sen Touradas protestando polos subsidios aos festexos taurinos locais e a falta de diálogo do consistorio coruñés acadou case 400 faxes e restan tan só catro días para rematar.

O colectivo protesta contra os subsidios aos festexos taurinos e a falta de diálogo do Concello

A alianza abolicionista xa advertira a pasada semana do "impulso de accións orixinais e molestas ante a desidia do goberno municipal, que obvia as solicitudes de encontro da organización de xeito sistemático, a pesares das denuncias da sabotaxe sufrida o mes pasado por parte de radicais taurinos, e de que a meirande parte da cidadanía ten unha postura contraria ás touradas e a que o Concello da Coruña participe nelas".

A participación dos internautas non require rexistro, só a confirmación posterior nun correo electrónico automático e pódese realizar dende a seguinte ligazón.

Público nas touradas da Coruña, no verán de 2012 CC-BY M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.