Causa Galiza propón o independentismo como saída á crise

Cabeceira da marcha de Causa Galiza CC-BY-SA Praza Pública

O colectivo fai pública a súa posición sobre as eleccións e sinala que "as opcións políticas presentadas ao 21-O non responden ás esixencias" de ruptura con España. Causa Galiza considera que "a única saída galega posíbel" á crise é "o dereito a decidir, a autodeterminación e a independencia nacional. Só o exercício sen corsés legais deste dereito nos pode situar nunha dirección oposta á da miseria xeneralizada, a españolización e a fascistización".

Afirma que "o Estado español enfréntase a unha das crises máis profundas da súa historia. Esta actual afecta á viabilidade da súa arquitectura institucional, ao seu modelo socioeconómico e á súa lexitimidade ante os povos que se encontran baixo a súa xurisdición, dominio e espolio. O desenvolvemento das loitas de liberación nacional é neste momento o principal calcañar de Aquiles do sistema nacido do posfranquismo". E cre que "os poderes fácticos que rexen o Estado planifican a saída española para esta difícil crise que, desde a óptica galega, se substanciaría en Más España, más miseria, menos libertades y más represión".

A este respecto defende que "calquer política nacionalista que pretenda ser digna deste cualificativo debería praticar unha acción institucional que fose alén da xestión do marco e superase, pola vía dos factos, a legalidade imposta (teitos de déficit, corsés competenciais, etc.) dentro dunha estratexia global de insubmisión nacional que faga de institucións autonómicas e municipais novos espazos do conflito". E denuncia que "moitas declaracións oportunistas de “autodeterminismo”, “soberanismo” e incluso “independentismo” ouvidas nestes días son simples engados electorais lanzados a un independentismo sociolóxico que se sabe en auxe, pero fican sen credibilidade ao careceren da efectiva rutura de dependencias con España".

Causa Galiza conclúe que "as opcións políticas presentadas ao 21-O non responden ás esixencias primarias citadas" e enuncia a "necesidade de articular un proxecto e unha estratexia realmente independentistas que, sen complexos, sitúen o país e a maioría social no camiño da soberanía e a independencia nacionais".

Cabeceira da marcha de Causa Galiza CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.