CCOO denuncia que a unidade de illamento de Vigo para o ébola "continúa a ter deficiencias"

Solidariedade de persoal do Sergas coa compañeira enferma CC-BY-SA Xunta de Persoal do Hospital da Costa

A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia denuncia que "continúa a ter deficiencias a unidade de aillamento creada no Hospital do Meixoeiro, en Vigo, para tratar posibles casos de ébola". Este, que é a referencia para toda Galicia ante posibles brotes da doenza, "non conta actualmente coas condicións necesarias", segundo o sindicato.

"A improvisación e a propaganda política predominan no Estado e en Galicia con referencia ao ébola"

Comisións Obreiras lamenta que a "improvisación" e a "propaganda política" predominaron tanto no Estado como en Galicia no referencia ao ébola. No caso galego, a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, inaugurou no pasado mes de agosto a unidade do ébola do Meixoeiro. A dita unidade era anteriormente un despacho con mesa e cadeiras que se reconverteu nunha habitación con dúas camas.

O sindicato informa, ademais, de que a adecuación do espazo "fíxose sen informar nin formar en condicións os profesionais implicados". "O diñeiro seica prefiren investilo nas súas campañas propagandísticas para xustificar as privatizacións de servizos sanitarios", critica Ángel Cameselle, secretario xeral da Federación de Sanidade de CCOO.

Varias concentracións en Galicia solidarizaranse con Teresa Romera e denunciarán a xestión do Goberno central

CCOO, xunto a outras organizacións sindicais e colectivos, apoiará a vindeira semana varias concentracións que terán lugar en Galicia para solidarizarse con Teresa Romero, a profesional sanitaria infectada polo ébola, e para denunciar a xestión do Goberno central.

Para o luns, día 13, están previstas concentracións en hospitais da Coruña (CHUAC, ás 11:30 h), en Ferrol (Arquitecto Marcide, ás 11:30 h), Santiago de Compostela (Hospital Clínico, ás 11:30 h), Burela (ás 12 h), Lugo (HULA, ás 11:30 h; pendente de confirmar), Monforte de Lemos (ás 11:30 h, pendente de confirmar), Ourense (ás 11:30 h), Vilagarcía de Arousa (ás 12:30 h) e Vigo (Hospital Xeral e Hospital do Meixoeiro, ás 11 h). Para o martes, día 14, haberá concentración ás 11 h no Hospital Provincial e ás 12 h en Montecelo.

CCOO esixe información "transparente" para os traballadores e traballadoras da sanidade, para os sindicatos e para o resto da cidadanía. Tamén esixe a dimisión de todos os responsables da «mala xestión» e «deficiente planificación» , tanto no Estado como en Galicia.

Solidariedade de persoal do Sergas coa compañeira enferma CC-BY-SA Xunta de Persoal do Hospital da Costa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.