Cee, primeiro concello que rexeita subir o copagamento de axuda no fogar

Vivenda dunha persoa en situación de dependencia CC-BY Wikinoticia

O servizo de axuda no fogar leva anos en marcha, constituíndo unha grande axuda para manter a autonomía de moitas persoas. A través desta axuda esas persoas poden seguir vivindo soas nas súas vivendas e seguir a facer unha vida máis ou menos normalizada. A Lei de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás persoas en situación de dependencia de 2006 completou o servizo e ligouno á acreditación dunha serie de graos e niveis da dependencia de cada persoas, decididos pola administración. Cando a unha persoa se lle recoñecía esta necesidade, a parte do pagamento do servizo que debía aboar era relativamente pequena (non chegaba ao 20%). Noutros casos, coñecidos como modalidade de libre concorrencia, cando á persoa non se lle recoñecía unha situación de dependencia, pero dende os concellos si se advertía que este servizo era necesario para ela, o usuario ou usuaria tiña que pagar unha parte maíor do custe, en función da súa renda.

O recorte dos fondos que a Xunta destina ao servizo de axuda no fogar, que pasaron de 400 mil euros en 2012 a 267 mil este ano, implican unha suba das tarifas que deben pagar as persoas que os utilizan

Pois ben, o recorte dos fondos que a Xunta destina ao servizo de axuda no fogar, que pasaron de 400 mil euros en 2012 a 267 mil este ano, implican unha suba das tarifas que deben pagar as persoas que os utilizan. Esta suba é especialmente importante na modalidade de libre concorrencia, na que antes o pago por parte do ou da particular non superaba o 20% e que agora poderá chegar ao 90% do custe total (se a súa renda é 2,5 veces superior ao IPREM, situado nos 532 euros mensuais), e que para unha persoa que ingrese mil euros ao mes lle suporá a obriga de pagar o 60%. Soben tamén os custes que deben pagar as persoas dependentes, pero en menor medida.

Independentes x Cee, BNG e PSdeG-PSOE votaron en contra, cualificando a suba de "medida antisocial" e acusando os populares de "non crer" na Lei de Dependencia. Pola súa banda, o PP acusou os grupos da oposición municipal de "irresponsables"

Numerosos concellos de toda Galicia viñeron debatendo e votando nas últimas semanas as novas ordenanzas que regulan e impoñen as novas tarifas, e en todos os casos foron aprobadas. Porén, este xoves Cee converteuse no primeiro concello que por maioría dos seus concelleiros se pronuncia en contra dos novos prezos e rexeita polo tanto a suba. A modificación da ordenanza só contou co voto favorable dos edís do Partido Popular. Pola contra, Independentes x Cee, BNG e PSdeG-PSOE votaron en contra, cualificando a suba de "medida antisocial" e acusando os populares de "non crer" na Lei de Dependencia. Pola súa banda, o PP acusou os grupos da oposición municipal de "irresponsables" e defendeu que o incremento é "ínfimo".

Noutras ocasións, as forzas da oposición tamén se manifestaran con rotundidade en contra da suba de prezos do copagamento. Por exemplo, a concelleira do PSdeG-PSOE en Compostela, Mar Martín, acusou o PP de facer pagar "os sectores máis débiles" a factura do "axuste económico" e afirmou que "esta suba só pode pretender "privatizar un servizo público dirixido a un sector moi importante da sociedade". De igual xeito, puxo o exemplo dunha persoa cunha pensión de 1.000 euros e unha vivenda en propiedade, que podería pasar de pagar 132 euros ao mes en 2012 a pasar a aboar 604 euros ao mes por unha prestación de 2 horas diarias.

Vivenda dunha persoa en situación de dependencia CC-BY Wikinoticia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.