Celebra o San Xoán, pero non maltrates o medio ambiente

Celebración de San Xoán © Liceo Mutante

Este vindeiro luns celébrase a noite do lume novo, na que milleiros de cacharelas iluminarán o ceo e na que todo o aire ulirá a madeira, a fume e a sardiñas. ADEGA ofrece unha serie de recomendacións para que a celebración non prexudique a contorna. 

As primeiras recomendacións teñen que ver coa seguridade do propio lume, tanto para as persoas coma o medio. Así, Adega insta a veciñanza, comisións de festas e concellos a que teñan previsto "medidas de seguridade nas cacharelas, coidando que a súa ubicación non xere riscos para as persoas e impactos no medio". Ademais, a entidade ecoloxista fai fincapé co tratamento que reciba a enorme cantidade de refugallos que se produce esta noite, "que con frecuencia rematan cubrindo praias, campos da festa e rúas", di. "Unha correcta política de residuos debe estar primeiramente encamiñada a reducir o volume de lixo producido, e despois, a procurar unha axeitada xestión", engade. A entidade conclúe que "evitar estes impactos tamén depende de ti, de mudar os teus hábitos: desfruta da festa sen causar danos, recolle o teu lixo e anima os teus amigos a que tamén o fagan".

ADEGA demanda "medidas de seguridade nas cacharelas, coidando que a súa ubicación non xere riscos para as persoas e impactos no medio"

A asociación ofrece unha serie de suxestións concretas, relacionadas con estes dous aspectos. En primeiro lugar pide "acoutar os espazos das celebracións sobre todo nas proximidades de espazos naturais como fragas, bosques, ríos ou contornas históricas ou monumentais". "Evitaremos así riscos de lumes, danos á fauna e flora sensíbel, ao patrimonio, e accidentes ás persoas", di. Nese senso, tamén aconsella "evitar facer cacharelas en praias e dunas, especialmente en litorais protexidos ou de alto valor ecolóxico". Alerta de que "mesmo nunha praia urbana, por moi humanizada que pareza, pode albergar unha rica biodiversidade, mesmo especies ameazadas ou en período de cría, como a píllara das dunas". 

En canto aos residuos, destaca que para reducir o volume de refugallos xerados unha boa medida é "usar recipientes (vasos, pratos) de barro ou louza, e garrafas de cristal retornábeis, que os clientes poden levar coa consumición pagando unha pequena fianza. Logo, ao retornalos, seralles devolta a fianza se non queren ficar con eles". Búscase así evitar o uso de vaixelas de usar e tirar. Ademais, recomenda que "de ter que facelo" é preferible que sexan "de papel/cartón e non de plástico". Así mesmo, recomenda que haxa "suficientes contedores para a recollida selectiva dos refugallos, cando menos de orgánico, papel-cartón, vidro e envases lixeiros" e subliña que "a recollida debería facerse logo de rematada a festa", pois "os refugallos estrados en carballeiras e praias durante días ou o lixo acumulado nos contedores sen recoller, degradan moitas paisaxes singulares e contaminan o ambiente".

"Unha correcta política de residuos debe estar primeiramente encamiñada a reducir o volume de lixo producido, e despois, a procurar unha axeitada xestión"

Entre as restantes recomendacións, Adega pide que se teñan previstas e sinalizadas "zonas de aparcamento e servizos hixiénicos, e se é posíbel, un posto de información permanentemente atendido". Ademais, aconsella que "para evitar problemas coa volta a casa podes achegarte andando ou en bici á cacharela máis próxima, sen esquecer o chaleco reflectante". Finalmente a entidade indica a importancia de "dispoñer sempre de protocolos, materiais e persoal responsábel de velar polo bo desenvolvemento da festa e con capacidade para previr situacións de risco e facer fronte aos pequenos accidentes que sempre se producen: queimaduras, pequenos lumes, caídas, intoxicacións..."

San Xoán na praia de Riazor da Coruña CC-BY Ignorant Walking
Celebración de San Xoán © Liceo Mutante
Cacharelas de San Xoán na Coruña © juantxu.info

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.