Vigo, Compostela, A Coruña, Ourense, Lugo, Pontevedra, Ferrol. Pero tamén Vilagarcía, Burela, Cervo ou Ames e moitas outras vilas galegas acolleron na noite deste martes concentracións de protesta contra a violencia machista. Un machismo que esta fin de semana asasinou a dúas mulleres máis en Galicia. Especialmente numerosas foron os actos de Vigo (diante do Marco), Compostela (Cervantes) e A Coruña (Obelisco).
"Ana Enjamio e Elena Mihaela Marcus foron asasinadas só por seren mulleres e tropezaren cun home machista na súa vida"
"Ana Enjamio e Elena Mihaela Marcus foron asasinadas polas súas ex-parellas. Foron asasinadas só por seren mulleres e tropezaren cun home machista na súa vida e a sociedade non pode nin debe consentir máis malos tratos, máis asasinatos machistas. Porque a humillación, os insultos, o control e a manipulación dun maltratador non deben ser toleradas", lembraba a Plataforma Feminista Galega na convocatoria, sinalando que o número de mulleres mortas neste 2016 xa chegou ás cen, seis delas na nosa comunidade.
"A violencia contra nós vese intensificada polas medidas de recortes en políticas de igualdade do goberno misógino do Partido Popular"
A Plataforma engadía que "estes asasinatos teñen un nome: feminicidio" e que se "producen no marco desta sociedade machista e patriarcal na que as mulleres somos agredidas polo feito de o sermos". E concluía denunciando que "a violencia contra nós vese intensificada polas medidas de recortes en políticas de igualdade do goberno misóxino do Partido Popular".