Centos de persoas maniféstanse en Xinzo contra a mina de feldespatos

Concentración en Xinzo contra a mina © Plataforma veciñal Corno do Monte

Centos de persoas participaron este mércores na concentración convocada pola Plataforma veciñal Corno do Monte para protestar contra a mina de feldespatos que a empresa Minercer S.L. de Castellón pretende levar a cabo en varias parroquias de Xinzo de Limia. As faixas e berros dos participantes repetían slogans como "A mina ou nós", "Na Limia non a Mina", "Non a mina", "quen queira feldespatos que vaia a Castellón" ou "A Xunta decide: A mina ou nós".

A presidenta da Plataforma Veciñal, Maricarmen Díaz, leu un manifesto en contra da mina no que reivindicou "o dereito dos veciños a vivir nas súas casas e nas súas aldeas". Aproveitou a ocasión para anunciar que os dereitos de explotación de Minercer van dende Ganade a Sarreaus, "polo que no futuro sería posible que se levase a cabo outra mina das mesmas condicións" nese espazo. Engadiu que este proxecto "afecta a todos, xa que hoxe somos nós pero mañá pode ser calquera outro pobo da zona".

"Non se debería escoller unha mina en contra das persoas que vivimos e traballamos aquí”, dixo Maricarmen Díaz en alusión aos máis de 210 empregos directos e outros tantos indirectos que se destruirían se a mina vai adiante

Anunciou que se seguirán a facer concentracións cidadás no mesmo lugar en todas as feiras do 27, até que a Xunta entenda “que non se nos pode quitar o que é noso, que non se poden tomar decisións en contra do bo xuízo, nin se poden tomar decisións en contra dos intereses da Limia e finalmente non se debería escoller unha mina en contra das persoas que vivimos e traballamos aquí”, en alusión aos máis de 210 empregos directos e outros tantos indirectos que se destruirían se a mina vai adiante. Rematou sinalando que “non o imos consentir de ningún xeito, loitaremos ata o final aínda que dure os trinta anos que pode durar a concesión, nin hoxe nin nunca vamos consentir que nos quiten o noso”. E engadiu que “a Xunta ten que escoller entre a mina ou nós”.

Na protesta participaron veciños e veciñas de toda a comarca, comerciantes, empresarios, representantes de organizacións ecoloxistas, organizacións sindicais coma o Sindicato Labrego Galego ou a Confederación Intersindical Galega. Tamén acudiron representantes de todos os grupos políticos, entre eles representantes do goberno municipal e do PP, do PSdeG-PSOE, BNG, Galiza Nova, Anova, CxG e outros.

Concentración en Xinzo contra a mina © Plataforma Veciñal Corno do Monte
Concentración en Xinzo contra a mina © Plataforma veciñal Corno do Monte

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.