Centos de persoas reclamaron a rexeneración da Ría do Burgo

Faixa principal da manifestación © Anova

Unha manifestación, convocada pola Plataforma pola defensa da Ría do Burgo, percorreu este domingo as rúas da Coruña, reivindicando solucións ante o grave deterioro da ría e as consecuencias negativas que isto supón para o medio ambiente, a economía, o marisqueo e o turismo. A marcha, na que participaron varios centos de persoas, esixiu do Goberno central e da Xunta de Galicia solucións para o espazo, nomeadamente o dragado e a limpeza integral da ría, de xeito que volva ser produtiva.

Tamén se demandaron axudas para as persoas que antes vivían do marisqueo e que na actualidade non o poden facer, ante a contaminación que presenta o espazo. Sanear a ría custará unhs 48 millóns de euros. Porén, os Orzamentos Xerais do Estado para o 2017 só reservan un millón de euros para a recuperación do espazo, que en anos anteriores nin sequera se executou. A actividade marisqueira chegou a dar traballo a dúas mil persoas, pero hoxe apenas hai 60 mariscadoras, con moitas dificultades ademais para sobrevivir.

"O saneamento é urxente. E foi prometido xa moitas veces polos gobernos da Xunta e o Estado. Pero nunca chega, leva décadas de atraso", denuncia a Marea Atlántica, que critica que o Goberno central non ten "nin proxecto ambiental, nin resposta ás alegacións, nin compromiso serio".

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, criticou tamén a falta de orzamentos para rexenerar a Ría por parte do Goberno central. “Basta xa de promesas incumpridas, a veciñanza, os mariscadores e as mariscadoras están fartas de anuncios, o que queren e ver as máquinas quitando lodos dunha vez por todas, recuperar a riqueza ambiental e produtiva dunha ría que debe volver ser a fonte de creación de emprego que foi no pasado”, salientou Pontón. O BNG, que esta semana presentou unha proposta no Parlamento galego, aposta por unha "restauración ambiental integral do entorno que se traduza nun corredor ecolóxico entre o encoro de Cecebre e o mar", e pola "elaboración dun plan de usos da ría que permita a súa utilización sustentable compatibilizando as funcións ecolóxica, económica e social".

 

Faixa principal da manifestación © Anova
Faixa de ADEGA © Adega
Faixa do BNG © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.