Representantes de CERMI (Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade de Galicia), da Confederación de Centros de Desenvolvemento Rural (COCEDER), da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento (CGONGD) e de EAPN Galicia - Rede contra a pobreza presentaron este martes en Compostela a Campaña X SOLIDARIO para concienciar as persoas contribuíntes sobre a necesidade de contribuír co 0,7% da súa cota íntegra a programas dirixidos aos colectivos máis desfavorecidos. En conxunto representan case un cento de entidades galegas non lucrativas.
Se todos os contribuíntes galegos marcaran o recadro de fins sociais destinados aos proxectos para as persoas máis desfavorecidas a cantidade final ascendería a 26 millóns de euros
Anxo Queiruga, presidente do CERMI Galicia, María Paz, vicepresidenta da CGONGD, e Carlos Rosón, secretario da Rede contra a Pobreza, EAPN-Galicia, lembraron que grazas á solidariedade das persoas contribuíntes que marcaron Fins Sociais na súa declaración da Renda, este 2013 case seis millóns de persoas en risco de exclusión social se beneficiaron dos programas financiados polo IRPF. Durante este ano poranse en marcha 1.103 proxectos sociais desenvolvidos por 425 ONG de Acción Social, ademais de centos de proxectos en países de África, América Latina e Asia realizados por ONG para o Desenvolvemento. O ano pasado recadáronse en Galicia, a través do cadro para Fins Sociais, 14,1 millón de euros. Se todos os contribuíntes galegos marcaran o recadro de fins sociais destinados aos proxectos para as persoas máis desfavorecidas a cantidade final ascendería a 26 millóns de euros.
María Paz apuntou que o ano pasado “300.000 persoas máis marcaron o cadro de Fins Sociais, ata sumar un 50% do total de persoas contribuíntes”. Mais, "seguramente por descoñecemento", outro 50% de persoas deixan en branco este cadro ou marcan, en exclusiva, o cadro da Igrexa Católica, "porque é posible que non saiban que ambas as dúas asignacións súmanse, non se dividen".
Anxo Queiruga lembrou que a asignación tributaria “é un instrumento da política social do Estado que contribúe a loitar contra a exclusión"
Ademais, Anxo Queiruga lembrou que a asignación tributaria “é un instrumento da política social do Estado que contribúe a loitar contra a exclusión". O diñeiro recadado destínase a proxectos de acción social (77,72%), a ONG para o Desenvolvemento (19,43%) e a proxectos de medio ambiente (2,85%).
Carlos Rosón indicou que, na situación actual, "esta campaña ten aínda maior relevancia" e que España está moi por debaixo da media europea en inversión social (para reducir esta fenda debería pasar do 25,7% ao 29,4% do PIB). Os principais colectivos que reciben este financiamento son as persoas maiores, persoas con discapacidade, infancia e familia, programas para a inclusión social, migrantes e solicitantes de asilo e protección internacional, mulleres, xuventude, programas de promoción do voluntariado, persoas reclusas, ex reclusas, afectadas por SIDA, persoas con drogadicción e o pobo xitano. Fóra de España trabállase en situacións de crises humanitarias pero tamén apoiando proxectos de educación, sanidade, agricultura, xénero ou infancia coa poboación máis vulnerable.