Chega 'O Gran Compadre': O primeiro 'reality show' galego

Captura de pantalla da web © O Gran Compadre

"Habitamos un País raro. Non só na forma, senón tamén no fondo. Un País no que as galiñas son azuis e os caciques bos. Un país do que marchan máis dos que veñen, no que morren máis dos que nacen e no que lle damos a gardar os cartos a quen nolos rouba". Así se presenta O Gran Compadre, autonomeado "o primeiro reality show galego" e que polo de agora nos deixa con máis preguntas que respostas. Comezará o 15 de xaneiro e ese día saberemos que queren dicir os seus promotores cando afirman que "neste recuncho do mundo os políticos son artistas e os artistas – ou artistiñas – ás veces temos que facer de políticos".

"Neste recuncho do mundo os políticos son artistas e os artistas – ou artistiñas – ás veces temos que facer de políticos"

Tamén saberemos canto hai de certo no prometido premio para o gañador ou gañadora dos 60 días de convivencia: converterse no director ou directora xeral de Xuventude da Xunta de Galicia. Seis son os candidatos: Alberto, "que enfunda o chándal daquel indignado inspirado polo 15M e cun currículo laboral que só contempla unhas prácticas cunha beca Leonardo en Italia"; Lorena, "esa recén chegada a Compostela a estudar e iluminada por todas as palabras que rematan en ismo"; Moncho, "aquel pequeno burgués rural que traballa arreo para pagarse vicios e afeccións"; Marta, "unha inmigrante española convertida hoxe en brava independentista galega que bucea entre centos de siglas de organizacións políticas revolucionarias"; Brais, "mozo cunha vida online máis interesante que offline e co récord de aportacións á galipedia"; e Silvana, "filla de novos ricos que combate a loita de clases co seu lema 'Make money, have fun and don’t care!'".

Din ademais que detrás do Gran Compadre "non hai ningunha organización política ou sindical. Ningunha empresa e ningún tipo de asociación cultural ou xuvenil. Non hai nada. Só estamos nós. Só estades vós". Na súa presentación na súa web conclúen: "Tomemos en serio a revolución, mais non nos tomemos en serio a nós mesmas".

Captura de pantalla da web © O Gran Compadre

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.