CIG e CC.OO. chaman a "parar os recortes" nas eleccións do 21-O

Manifestación na Coruña CC-BY M. Pereira

O outono quente do que leva falando antes do verán, coincidindo coa suba do IVE, o anuncio de novos recorte e posible solicitude dun novo rescate vai coincidir tamén coa campaña electoral en Galicia. CIG e CC.OO. xa se pronunciaron sobre o adianto dos comicios en Galicia, con duras críticas á xestión de Alberto Núñez Feijoo e chamamentos á mobilización da cidadanía para acadar un cambio político.

Neste senso, Suso Seixo, secretario xeral da CIG, considera que “é oportuno” que se adianten, para que á fronte da Xunta poida haber un goberno “presidido por forzas políticas dispostas a enfrontar a crise e adoptar medidas que favorezan os intereses das clases populares, rachando o desgoberno e o servilismo de Feijoo e o PP de Galiza ás políticas promovidas polo goberno do Estado e as institucións europeas”. E engade que espera que “o nacionalismo sexa maioritario á hora de configurar o novo goberno da Xunta de Galiza”.

CC.OO. sinalou que a cidadanía galega "ten unha oportunidade para deter os recortes económicos e de dereitos laborais e sociais"

Pola súa banda, CC.OO. sinalou que a cidadanía galega "ten unha oportunidade para deter os recortes económicos e de dereitos laborais e sociais". O sindicato salienta que co PP nos Gobernos do Estado e de Galicia "estamos a experimentar «o maior retroceso en dereitos laborais e sociais que se lembra". Ademais, afirma que "co pretexto do discurso baleiro e falaz da austeridade", están a practicar unha serie de recortes económicos que "prexudican os sectores máis desfavorecidos da cidadanía".

CC.OO. mantén que para saír da crise "cómpren investimentos en infraestruturas de comunicación e transporte, de ordenación do territorio, de provisión de solo para actividades económicas, en actuacións ambientais, investigación, desenvolvemento e innovación ou en infraestruturas do medio rural, entre outras actuacións fundamentais para a capitalización económica do país".

 

Mobilizacións cara á folga xeral?

A CIG vailles propoñer a CC.OO. e UGT a convocatoria conxunta dunha folga xeral o 26 de setembro

O sindicatos teñen convocadas mobilizacións case todas as semanas de setembro, uns actos reivindicativos que van ir crecendo en intensidade e que poderían conducir cara á convocatoria dunha nova folga xeral a finais de mes, antes das eleccións en Galicia e Euskadi en calquera caso. Iso é cando menos o que a CIG lles vai propoñer a CC.OO. e UGT: a convocatoria conxunta dunha folga xeral o 26 de setembro. De feito, as bases destes dous sindicatos tamén barallan esa data ou algunha moi próxima, a comezos de outubro, e queren converter a convocatoria de mobilizacións xerais en todo o Estado o 15 de setembro nun anticipo da folga xeral. A CIG entende que é necesario enviar "unha mensaxe clara ao goberno do Estado español e ás institucións europeas do rexeitamento que provocan as políticas de recortes antisociais que se veñen aplicando". 

Antes, xa este venres, os tres sindicatos realizarán concentracións ao mediodía en todas as cidades galegas, coincidindo coa celebración dun Consello de Ministros que aprobará novos recortes. O sábado 8 de setembro Compostela acollerá unha manifestación nacional en defensa dos servizos públicos, convocada por todos os sindicatos. Ademais, a CIG convocou xa unha Asemblea Nacional de Delegadas para o vindeiro 11 de setembro, en Compostela, cunha manifestación posterior en denuncia das políticas económicas do Partido Popular. Finalmente, ademais das devanditas mobilizacións do día 15 de setembro, os tres sindicatos negocian a organización conxunta de novas manifestacións comarcais o 21 de setembro.

Manifestación na Coruña CC-BY M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.