A Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) e CIG-Ensino reclamaron este luns que a Xunta volva ao consenso do Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL) aprobado por unanimidade en 2004 no Parlamento, así como que a Secretaría Xeral de Política Lingüística pase a ser "unha área transversal no organigrama do novo Goberno e non estea encadrada na Consellería de Educación nin de Cultura". A CTNL venllo de solicitar directamente ao presidente Núñez Feijóo a través dunha carta.
"É o momento de volver ao consenso que supuxo o PXNL"
Segundo os técnicos de normalización, e logo da sentenza que anula o cerne do decreto do plurilingüismo da Xunta, "é o momento de volver ao consenso que supuxo o PXNL", polo que piden que o nomeamento do novo Executivo sirva "para visualizar un cambio de actitude no que se procuren avances para o galego en todos os ámbitos".
Así, a CIG-Ensino esixiu "a derrogación" do decreto, xa que a sentenza supón "un golpe mortal definitivo" á norma, ademais de "deixar sen argumentos o PP". "O Goberno da Xunta debería abandonar a política lingüística baseada na mentira e no engano da imposición e tamén na persecución do noso idioma como lingua vehicular", insistiu Anxo Louzao, secretario xeral de CIG-Ensino, que recorda que o polémico decreto "xa foi rexeitado socialmente polo profesorado e polo ámbito educativo en xeral".
A CTNL remite unha carta a Feijóo na que piden "un cambio de políticas e actitudes con respecto á lingua"
"Como mínimo debería retomarse o Plan Xeral de Normalización", asegura a CIG-Ensino, ao igual que a CTNL. O seu presidente, Nel Vidal, pídelle a Núñez Feijóo na carta remitida que "se visualice un cambio de políticas e actitudes con respecto á lingua" e que se busque "retomar o consenso e o camiño da normalización lingüística progresiva, tanto no ensino como no conxunto de ámbitos sociais".
Nesa mesma misiva, a CTNL solicita tamén que a Secretaría Xeral de Política Lingüística "estea posicionada na cúspide da organización, o que permitiría a transversalidade real e a acción nos diferentes ámbitos de goberno e sociais, algo imposible de desnvolver de xeito efectivo relegándoa a unha consellería concreta".