CIG-Ensino advirte dun "inicio de curso conflitivo"

Anxo Louzao e Ana Rodiño CC-BY-SA Praza Pública

“Preséntase un curso conflitivo", advertiu este mércores o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, á hora de facer balance do inicio de curso, nunha longa rolda de prensa na que foi debullando os moitos conflitos abertos polas decisións adoptadas pola Consellaría de Educación e máis o propio Ministerio coa súa polémica proposta de reforma educativa. “Aproveitase a crise para reducir a calidade do ensino, facer inviábel a igualdade de oportunidades, apartar do dereito a educación ás clases sociais máis desfavorecidas e continuar os recortes que comportan reducir salarios do profesorado, impartir materias das que non se é especialista, reducir profesorado nos centros e deixar mais profesorado sen traballo", resumiu Louzao. CIG-Ensino prepara xa mobilizacións a través sa Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, entre elas unha marcha a Santiago contra a LOMCE o 28 de setembro e unha concentración coincidindo o día 11 coa inauguración do curso na Universidade.

“Aproveitase a crise para reducir a calidade do ensino, facer inviábel a igualdade de oportunidades, apartar do dereito a educación ás clases sociais máis desfavorecidas"

Encarecemento do gasto escolar: CIG-Ensino fai fincapé nas crecentes dificultades que moitas familias atopan para poder facer fronte aos gastos que xera o ensino, por mor da suba das taxas, a redución de bolsas, o endurecemento dos criterios para conseguilas ou a suba do 32% das matrículas dos conservatorios. Anxo Louzao tamén chamou a atención sobre a desaparición do servizo de comedor gratuíto para todo o alumnado, "un servizo que viña dende os anos da Transición e que acaba co PP". E sobre a redución das axudas para os libros de texto nun 10%, cunha gratuidade limitada ao 60% dos alumnos e alumnas. Neste senso, Louzao salientou que o sistema adoptado polo Goberno de Núñez Feijoo ten un custe maior que o sistema de gratuidade total pola modalidade de préstamo promovida polo goberno bipartito.

Maiores dificultades para a escola rural: Anxo Louzao sinalou que os alumnos e familias máis afectadas polos recortes van ser os da zona rural, tanto pola limitación do servizo de comedor, coma pola propia desparición de escolas, unidades e polo recorte no número de mestres.

En total son case mil os mestres e mestras que teñen que impartir afíns (235 en primaria e 765 en secundaria)

Recorte de escolas e profesorado: Segundo o sindicato continúa a redución dos cadros de persoal nos centros e sinala que nos últimos catro anos se xubilaron máis de tres mil mestres e mestras, pero non se convocaron novas oposicións e cada vez hai máis interinos e interinas sen destino. Ademais, Louzao denunciou que unha alta porcentaxe de profesorado aínda non ten destino definitivo, "o que se traduce en inestabilidade dos cadros de persoal e incidencia negativa na posta en marcha do curso escolar". Ademais, salientou que neste curso, a pesar do afirmado publicamente por Núñez Feijoo, os mestres verán recortado aínda máis o seu soldo, a través dunha rebaixa dun 40% na súa paga extraordinaria de decembro.

Máis desprazamentos e afíns: Tamén se incrementan os desprazamentos, e o número de profesores e profesoras que ten que impartir afíns, é dicir materias nas que non son especialistas. En total son case mil os mestres e mestras que teñen que impartir afíns (235 en primaria e 765 en secundaria).

"Increméntase o profesorado de Relixión que tamén vai impartir outras materias"

Confesionalidade do ensino: CIG-Ensino denuncia que neste curso acentúase "a privatización e a confesionalidade do ensino", pois “mantéñense os concertos con centros que segregan alumnado por razón de xénero e apróbanse concertos con ciclos de formación profesional que se lle negan ao ensino público, como é o caso do ciclo superior de integración social". Ao tempo, din, "increméntase o profesorado de Relixión que tamén vai impartir outras materias".

Incumprimento de sentenzas: O sindicato lembra que o Goberno continúa sen cumprir o ditado en varias sentenzas xudiciais: a sentenza do Tribunal Supremo que recoñece o dereito do profesorado a ter revisión médica anual, a sentenza contra o decreto do plurilingüismo e a sentenza contra os concertos que segregan alumando por razón de xénero. Neste senso Louzao denunciou que “a falta dunha actitude democrática e negociadora por parte da Consellaría de Educación e a imposición como forma de actuar obríganos a recorrer constantemente aos tribunais e a  xudicializar a vida laboral e o dereito educativo”.

Privatización: CIG-Ensino reiterou a súa crítica, lanzada a pasada semana ao plan da Consellaría para ofrecer cursos de inglés en horario lectivo a través de empresas privadas

Anxo Louzao e Ana Rodiño CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.