CIG-Saúde denuncia o gasto de 169 mil euros en 'espazos de innovación' de "nula utilidade"

Un dos 'espazos de innovación sanitaria' creados polo Sergas © CIG

En abril de 2012 a Consellaría de Sanidade publicou a Orde pola que se aprobaba a convocatoria aberta de propostas de solucións innovadoras para os proxectos de innovación sanitaria. Un dos subproxectos que aparecían nesa convoctoria era o titulado Espazo de Innovación en Servizos Asistenciais, desenvolvido e concretado en decembro do ano pasado a través dunha resolución, que orzamentaba a construción de sete destes espazos en distintos centros sanitarios de Galicia en 169.400 euros, financiados nun 80% con fondos europeos.

CIG-Saúde denuncia a "nula utilidade" destes espazos e a "mala utilización" dos fondos FEDER empregados neste proxecto e nestas instalacións, cualificadas polo persoal sanitario, segundo o sindicato, como “salas de festas de cumpreanos”, sen que "ninguén saiba explicar a relación que teñen coa innovación en servizos asistenciais, nin a súa utilidade para o sanidade pública". A secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, afirma que nalgún centro, como o de Ourense, “montaron o espazo para a foto e unha vez pasada a foto desapareceu”.

O sindicato denuncia a "nula utilidade" destes espazos cualificados polo persoal sanitario como “salas de festas de cumpreanos”, sen que "ninguén saiba explicar a relación que teñen coa innovación en servizos asistenciais"

Abuín subliña que "os verdadeiros proxectos de Investigación e Innovación" nacen nos centros sanitarios "polo interese e o compromiso das e dos profesionais co sistema sanitario público, nos espazos asistenciais e nas salas de reunións para mellorar a sanidade pública e dar resposta ás súas necesidades". “Non nacen nestas salas de cumpreanos que, quen as deseñou supoñemos que o fixo pensando no negocio de alguén”, engade.

CIG-Saúde exixe que os Fondos FEDER, cartos públicos dedicados ao desenvolvemento da investigación e da innovación, se utilicen "correctamente" e "para o que están previstos, tendo en conta a opinión dos profesionais do sistema e as prioridades que estes marcan e non as iluminadas das persoas que a consellaría de Sanidade ten en postos de libre designación, que semellan máis interesados en favorecer negocios que na asistencia sanitaria e no seu desenvolvemento”. "Mentres, o persoal investigador da sanidade pública segue agardando pola publicación dunha norma que permita a súa estabilidade laboral dentro do sistema e o recoñecemento, así, ao labor desenvolvido”, conclúe.

CIG-Saúde exixe que os Fondos FEDER se utilicen "correctamente" e "para o que están previstos, tendo en conta a opinión dos profesionais do sistema"

Na memoria do proxecto dos Espazos de innovación en servizos asistenciais sinálase que "o sistema convencional de asistencia sanitaria que se realiza nos Servizos de Saúde europeos demostrouse ineficaz para dar resposta ás necesidades de saúde presentes e futuras. É por iso necesario deseñar cambios estruturais no que será a prestación de servizos sanitarios a medio e longo prazo. Para diminuír o risco das novas propostas e asegurar o éxito é preciso crear contornas controladas nos cales se poidan testar estas novas iniciativas a modo de probas de concepto, antes de escalarse aos sistemas de saúde". Este sería o obxectivo destes espazos, que poderían tomar a forma de "salas de consulta, quirófanos, salas de técnicas especiais, camas ou plantas de hospitalización, controis de enfermaría, box de urxencias, salas de espera e mesmo o propio domicilio do paciente".

 

Un dos 'espazos de innovación sanitaria' creados polo Sergas © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.