O vindeiro sábado 18 de abril celébrase o Día de acción global contra o Acordo de Libre Comercio e Investimentos, con centos de actos convocados en toda Europa e Estados Unidos, entre eles concentracións ou manifestacións en Vigo, A Coruña, Ferrol ou Pontevedra, á espera de que se confirmen novas convocatorias en Galicia.
Todos os actos terán o lema común de "As persoas e o planeta, antes que o beneficio corporativo" e un manifesto compartido
Todos os actos terán o lema común de "As persoas e o planeta, antes que o beneficio corporativo" e un manifesto compartido que comeza facendo un chamento á mobilización: "Nós, organizacións da sociedade civil, sindicalistas, campesiñas e campesiños, xuventude, mulleres e homes activistas chamamos a un Día de acción global co fin de parar os acordos de libre comercio e investimentos e promover unha economía que funcione para cada unha das persoas, e para o medio ambiente". Un chamamento que tamén realizou Susan George, a través dun vídeo gravado por Ecoar en Vigo hai unhas semanas, no que mesmo repite o lema en galego e lembra que a Lei Mordaza aínda non entrou en vigor, "así que podedes protestar todo o que queirades"
O texto lembra que "ao longo das últimas décadas, as empresas transnacionais e os gobernos impulsaron tratados de libre comercio e de investimentos ás costas da cidadanía, vulnerando os nosos dereitos e os do medio ambiente" e que, en paralelo, "ao longo das últimas décadas, vimos loitando pola soberanía alimentaria, polos nosos bens comúns, pola xestión dos nosos recursos, pola defensa dos nosos empregos, os nosos territorios, as liberdades en internet, mentres esixiamos democracia". "No camiño, crecemos como movemento, logramos que escoiten as nosas voces e logramos moitas vitorias", di.
"Entre todas podemos parar os acordos que se están negociando ás nosas costas e traballar para reverter os impactos nocivos dos tratados pasados"
"Entre todas podemos parar os acordos que se están negociando ás nosas costas e traballar para reverter os impactos nocivos dos tratados pasados. Xuntas impulsamos as nosas alternativas que se fundamentan na primacía dos dereitos humanos e na defensa do Medio Ambiente por riba dos privilexios e beneficios das grandes empresas", destaca.
Convocatorias en Galicia
- Vigo. 20 horas. Manifestación que partirá da Farola de Urzaiz, baixará por Colón e dirixirase por Policarpo Sanz ata a Porta do Sol
- A Coruña. 12 horas. Concentración na praza de Lugo. A concentración rematará ás 12.45 coa lectura do manifesto.
- Ferrol. 12.30 horas. Concentración na praza de Armas.
- Pontevedra. 12 horas. Concentración na praza da Peregrina.