A escasos 20 minutos da Acrópole de Atenas atópase o Hotel City Plaza, metáfora da historia recente do país heleno. Inaugurado para os Xogos Olímpicos de 2004, o complexo pechou as súas portas en plena crise económica grega deixando todas as súas empregadas na rúa dun día para outro. Dende entón, o inmoble atopábase pechado e en desuso, como centos de edificios ao longo do Estado. O pasado 23 de abril diferentes colectivos de esquerda da capital (entre os que o movemento anarquista ten especial importancia) vinculados ao movemento anti-racista e en solidariedade coas persoas migrantes, decidiron ocupalo e convertelo nun Centro de Aloxamento para Refuxiadas. Hoxe, máis de 400 refuxiadas e preto de 40 activistas viven na squat desenvolvendo un proxecto autoxestionado e autoorganizado á marxe do goberno e do que toda a comunidade participa activamente.
O Hotel City Plaza pechou pola crise e botou as súas empregadas; en abril, colectivos de esquerda ocupárono para convertelo en centro de aloxamento para refuxiadas. 400 viven nel.
As inmediacións do City Plaza están hoxe de novo cheas de vida. Grupos de mozas e mozos falando, cativas e cativos xogando ou maiores organizando as tarefas do día. Unha vez dentro, as instalacións do hotel urbano de tres estrelas lévannos directamente á recepción, onde numerosas activistas de até 18 nacionalidades diferentes desenvolven tarefas de atención ao público, benvida ás novas voluntarias ou acompañamento e asesoramento ás refuxiadas. Á man dereita, a enfermería capitaneada por dúas doutoras e unha psicóloga. Á esquerda, o almacén onde poden solicitar os alimentos, produtos hixiénicos e de limpeza ou roupa que precisen até as oito da noite. No centro, unha ampla escaleira con estanque incorporado, dá acceso ao primeiro andar onde se atopan a cafetería, o comedor, a cociña e a área de lecer. Até aquí as zonas comúns. Todo o demais son espazos privados e protexidos onde as refuxiadas, de oito nacionalidades diferentes, desenvolven a súa vida cooperativa con normalidade e coidando con mimo a súa privacidade e espazo persoal.
O City Plaza non só naceu para dar unha solución habitacional ás refuxiadas empregando espazos infrautilizados. O City Plaza quere ser un exemplo de autoxestión, vida cooperativa, multiculturalidade, respecto aos dereitos humanos e dignidade. Desta maneira, organízase en diferentes asembleas e comisións das que participan tanto persoas refuxiadas como activistas onde deciden as directrices a desenvolver polo proxecto. Semanalmente, realízase un calendario onde as habitantes se deben inscribir para realizar tarefas comúns como limpeza, comida ou recollida de lixo, en función das súas preferencias e posibilidades. Os únicos espazos xestionados de maneira individual polas familias son as súas habitacións. A squat só ten unha única norma básica: manter un ambiente de paz e cordialidade dentro da comunidade. Quen incumpre este principio é expulsado.
Nestes intres, todos os Centros de Aloxamento para Refuxiadas do país están vivindo unha situación de incerteza e tensión. O Goberno grego vén de desaloxar varias squats na área de Tesalónica, e a pasada semana o alcalde de Atenas, Giorgos Kaminis, solicitou por carta ao presidente, Alexis Tsipras, que tomara medidas de carácter urxente para desaloxar os espazos ocupados alegando razóns de saúde ou hixiene. Pola súa banda, as activistas do City Plaza, negan con rotundidade estas acusacións e animan ás autoridades a visitar as instalacións para comprobar in situ a falsidade dos argumentos. Dende o hotel, consideran que só é unha estratexia política máis para debilitar todas as iniciativas que se desenvolven de maneira autónoma e á marxe do estado en Grecia, como xa viña pasando nos últimos anos. Ademais, as activistas defenden que o propio Estado grego debera tomar exemplo das squats para desenvolver solucións que respecten a dignidade das persoas refuxiadas e os dereitos humanos nos seus campamentos, que consideran guetos.
>> Para colaborar co proxecto autoxestionado Hotel City Plaza, podes visitar a súa web: http://best-hotel-in-europe.eu/