A mediados de abril a Oficina de Dereitos Sociais-Coia, a parroquia do Cristo da Victoria e o Grupo de Axitación Social iniciaron a campaña Vivir dignamente é un dereito!, na que distribuían unha folla de denuncia social para esixirlle ao Concello e á Xunta a posta en marcha dun mecanismo de renda básica que asegurase que todas as persoas teñan asegurados os seus dereitos e visen satisfeitas "con dignidade as súas necesidades básicas". Esta Renda Básica tería unha contía non inferior ao limiar da pobreza (863€/mes) e ademais percibiríase de xeito individual, universal e incondicional.
Este xoves as tres entidades entregarán nos rexistros do Concello de Vigo e da Xunta as follas de denuncia social recollidas. Despois da entrega no rexistro no Concello, ás 11, está convocada unha manifestación até a delegación da Xunta. A marcha partirá ás 11.30 do Paseo Granada e pasará por Segunda República, Policarpo Sanz, Colón e Concepción Arenal baixo o lema Coa que está a caer, Renda Básica xa.
ODS-Coia aproveitará tanto o momento da entrega destas sinaturas coma o da expiración do prazo que ten a administración para respostar (tres meses) para denunciar publicamente "a situación de empobrecemento e de abandono por parte das institucións que está a sufrir gran parte da cidadanía".