Colectivos animalistas celebran o "compromiso" de PSdeG, En Marea e BNG contra a tauromaquia

Presentación do EPDA no Parlamento, con presenza de deputadas de PSdeG, AGE e BNG © EPDA

A plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas e a Asociación Animalista Libera aplauden nun comunicado o "compromiso coa abolición da tauromaquia" amosado polas tres formacións políticas "que están chamadas a entenderse nun potencial goberno alternativo ao Partido Popular", en referencia a PSdeG, En Marea e BNG, "logo de comprobar que entre as súas propostas programáticas aparecen referencias camiño da fin destes eventos".

Aplauden nun comunicado o "compromiso coa abolición da tauromaquia" amosado polas tres formacións políticas "que están chamadas a entenderse nun potencial goberno alternativo ao Partido Popular"

As dúas entidades sinalan que no programa dos socialistas aparece un parágrafo que promete "regular esta materia para poñerlle fin alí onde se estea a producir". Para estes colectivos, "a inclusión deste texto no programa do PSdeG que lidera Xaquín Fernández Leiceaga supón reforzar a cooperación que a forza política mantivo con abolicionistas e animalistas durante a pasada lexislatura, onde votou a favor da toma en consideración de dúas Proposicións de Lei que reclamaban finiquitar as touradas".

Destacan, igualmente, que En Marea "asume os principios básicos do proceso que agromou ao redor das chamadas Mareas en Común", onde se especifica "unha aposta clara pola abolición daqueles espectáculos nos que sexan maltratados". Ademais, salientan "a presenza de candidatos que xa defenderan propostas abolicionistas no Parlamento, como Antón Sánchez ou Eva Solla".

Finalmente, no caso do BNG, as súas bases programáticas reflicten no apartado de Novos dereitos avanzados a garantir na Galiza o obxectivo dunha "Galiza libre de touradas e de maltrato animal", que "evidencia o interese dos nacionalistas por trasladar ao Pazo do Hórreo iniciativas semellantes no novo periodo lexislativo que se abriría a partires do 25S", subliñan. O BNG foi o impulsor da proposta para vetar o acceso de nenos a eventos taurinos e trasladou en 2013 a primeira proposición para prohibir a tauromaquia, só rexeitada polo PP.

Galicia, Mellor Sen Touradas e LIBERA! conclúen "a importancia destes posicionamentos fronte a un lobby taurino que esmorece no país cada ano que pasa"

Galicia, Mellor Sen Touradas e LIBERA! conclúen "a importancia destes posicionamentos fronte a un lobby taurino que esmorece no país cada ano que pasa". Fan fincapé en que a feira taurina de Pontevedra "cada vez máis reducida" foi "incapaz na súa edición de 2016 de rexistrar un só cheo", mentrds que en Valga "sobrevive con apoio municipal unha solta-capea a pesar das queixas veciñais e políticas, que cuestionan o emprego de perto de 10.000€ para unha actividade que somete aos animais a un trato degradante".

Presentación do EPDA no Parlamento, con presenza de deputadas de PSdeG, AGE e BNG © EPDA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.