Colectivos animalistas convidan os partidos a asumir as súas propostas de cara ás municipais

Cada ano abandónanse en Galicia máis de 20 mil animais CC-BY-NC Jozelui

A Asociación Animalista Libera, a plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas e a Fondation Franz Weber veñen de publicar un manifesto preelectoral para defender os animais, cunha serie de propostas concretas que lles presentarán ás distintas candidaturas para que se sumen a elas. As organizacións subliñan o potencial que unha convocatoria local supón para mellorar certos aspectos das políticas públicas sobre protección animal. Lembran que os Concellos ostentan a totalidade das competencias en materia de recollida e acollida de animais abandonados, e que por exemplo aínda hai gobernos municipais que subsidian eventos tauromáquicos e mesmo autorizan a presenza de circos con fauna silvestre. Estas entidades promoverán encontros e reunións para presentar estas iniciativas nos vindeiros meses.

Afirman que "os colectivos animalistas e abolicionistas non somos só os da protesta, senón os da proposta. Cremos que o avanzo social producido nestes últimos anos e os pasos que si se deron nalgunhas institucións permiten comprobar como as reivindicacións son posibles, reais e factibles de convertirse en políticas públicas". Poñen como exemplo destes avances a recente reforma e endurecemento da Lei de Protección Animal.

Sinalan que os concellos non deben permitir nin patrocinar espectáculos e circos con animais en instalacións, espazos e terreos públicos, así como a súa publicidade ou promoción

No manifesto sinalan, en primeiro lugar, que os concellos non deben permitir nin patrocinar espectáculos e circos con animais en instalacións, espazos e terreos públicos, así como a súa publicidade ou promoción. Ademais, piden que non se utilicen os animais nas festas, prohibindo a instalación ou desenvolvemento de atraccións ou emprego de animais como reclamo en calquera outro tipo de evento público en todo o termo municipal.

En segundo lugar reclaman "proactividade contra o maltrato e o abandono". Piden unha aposta polo modelo de "sacrificio cero" en canceiras e canís municipais, provinciais ou mancomunados, e promoción, en todo caso, da xestión municipal directa ou concesionada a organizacións sen ánimo de lucro. Este sistema de non sacrificio xa se adopta en refuxios de animais xestionados por ONG e tamén en comunidades autónomas como o exemplo de Cataluña dende 2003. E, igualmente, o desenvolvemento de iniciativas para combatir o abandono e maltrato dende os medios de comunicación, advertindo das consecuencias destes actos.

Piden unha aposta polo modelo de "sacrificio cero" en canceiras e canís municipais, e a promoción, en todo caso, da xestión municipal directa ou concesionada a organizacións sen ánimo de lucro

Propoñen potenciar iniciativas como a adopción de animais abandonados, fomentar prácticas de tenza responsable e apostar pola cooperación con entidades e colectivos en defensa dos animais. Reclaman tamén impulsar "o acceso flexible para os animais no transporte público" a través de decretos ou ordenanzas que inclúan as normas e características deste transporte inclusivo.

Esixen loitar contra o comercio ilegal de animais, "responsable dunha importante porcentaxe dos abandonos nos municipios galegos"

Esixen loitar contra o comercio ilegal de animais, "responsable dunha importante porcentaxe dos abandonos nos municipios galegos". Neste senso, propoñen o control da publicidade de comercio ilegal de animais e a eliminación destes elementos promocionais para cortar potenciais canles de transacción e disuasión destes actos. Finalmente, apostan pola esterilización das colonias felinas, control veterinario e alimentación a partires dun modelo de xestión compartido entre a administración local e as entidades ou voluntarios acreditados

Cada ano abandónanse en Galicia máis de 20 mil animais CC-BY-NC Jozelui

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.