Colectivos en defensa da ría de Vigo denuncian a súa contaminación ante os delegados da UE

Caballero, xunto a delegación da UE © Concello de Vigo

Representantes de diversos colectivos de defensa da ría de Vigo trasladaron este martes á Comisión de Peticións do Parlamento Europeo os problemas de contaminación da baía viguesa, nun percorrido por barco e nunha reunión na que tamén estiveron presentes cargos de distintas administracións.

Serxio Regueira, da Plataforma en Defensa da Ría de Vigo, explicou que "unha das cousas que máis sorprendeu" á delegación de europarlamentarios foi "o mal funcionamento" da depuradora do Lagares, porue verte ao mar a maior parte das augas residuais que recibe sen tratar, por falta de capacidade.

"Unha das cousas que máis sorprendeu" á delegación de europarlamentarios foi "o mal funcionamento" da depuradora do Lagares

Tamén mostraron o seu abraio pola presenza de emisarios "tan próximos ás praias" e coñeceron, guiados por estes colectivos, os principais puntos negros de vertedura na ría. "Preguntaban se a xente se bañana en Samil, non o crían", engadiu Regueira.

Eliseo Baluja d'A Ría Non se Vende mostrou a súa confianza en que a visita sirva para que se tomen medidas de control desde a UE, e valorou o "interese xenuíno" da delegación por coñecer a situación da ría. Este colectivo non só puxo de manifesto os problemas de depuración das augas residuais, senón que informou aos eurodeputados sobre a contaminación por chumbo.

A delegación estaba formada polo francés Philippe Boulland, a austriaca do Grupo ALDE Angelika Werthmann e a letona do Grupo Verdes/EFA Tatjana Zdanoka. Acompañábanlles ademais os eurodeputados españois Francisco Millán Mon (PPE), Carlos Iturgaiz (PPE), Antolín Sánchez Presedo (S&D), a nacionalista galega Ana Miranda (Verdes/EFA) e Willy Meyer (GUE/NGL).
INFORME

O presidente da Comisión, o eurodeputado conservador Philippe Boulland explicou que o percorrido pola ría tivo como finalidade observar 'in situ' os problemas denunciados por colectivos e cidadáns (até 11 denuncias presentáronse ante as autoridades europeas por problemas no litoral galego).

"O alcalde de Vigo non recibe leccións ambientais de ninguén, nin de ecoloxistas nin medioambientalistas, nin de ninguén", di Caballero

Cos datos solicitados, a Comisión de Peticións elaborará un informe "consensuado por todos os eurodeputados" que será trasladado á Comisión Europea. "A Comisión terá que ter en conta as nosas observacións", sinalou Boulland, quen precisou que, "se se constatan infraccións --das directivas europeas-- poranse en coñecemento da Comisión".

Pola súa banda, o alcalde da cidade, Abel Caballero, subliñou, en declaracións aos medios, que tivo a oportunidade de trasladar á delegación de europarlamentarios os avances da cidade en materia de saneamento. Así, informoulles do "avance imparable" da nova depuradora, as reformas de saneamento nas rúas da cidade, a recuperación de dunas e de areais e a sustentabilidade da ampliación do peirao do Areal.

 "O alcalde de Vigo non recibe leccións ambientais de ninguén, nin de ecoloxistas nin medioambientalistas, nin de ninguén", subliñou Caballero, quen insistiu en que "a defensa do medio ambiente, ao alcalde de Vigo non lle gaña ninguén".

Caballero, xunto a delegación da UE © Concello de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.