Colectivos vigueses chaman á mobilización contra os desafiuzamentos que se producen na cidade

Concentración contra os desafiuzamentos convocada por PAH Vigo, Rede Solidaria Popular e Os Ninguéns Dominio Público Praza Pública

Colectivos vigueses levarán a cabo unha concentración este xoves ás 16.30 horas na Farola de Urzáiz, como denuncia aos continuos desafiuzamentos e desaloxos que seguen producíndose na cidade. Unha realidade que contrasta coas declaracións do alcalde Abel Caballero, que en varias ocasións afirmou que "ninguén en Vigo será desafiuzado da súa vivenda mentres eu sexa alcalde", gabándose ademais de aplicar "a política social máis importante de España" e manifestando que “a oficina antidesafiuzamentos é a miña mesa. Chamo eu ao banco e pároos”.

Sinalan, sobre todo, dous casos: o da familia de Teis de tres integrantes (un adulto cunha minusvalía do 49%, a súa irmá de 19 anos e a nai de ambos, de 60) e o dunha parella do Calvario (Israel e María)

Sinalan, sobre todo, dous casos: o da familia de Teis de tres integrantes (un adulto cunha minusvalía do 49%, a súa irmá de 19 anos e a nai de ambos, de 60) e o dunha parella do Calvario (Israel e María). Precisamente para evitar o desaloxo de Israel e María estaba tamén convocada unha concentración ante a súa vivenda, pero o lanzamento foi adiado uns días, grazas ás xestións da PAH. As entidades entenden que este aprazamento -en principio, dunha semana- pode ser importante para "acumular forzas, axuntar vontades e presionar as Administracións local e a Xunta para que senten a negociar un protocolo de solución".

PAH Vigo-Tui-Baixo Miño, Rede Solidaria Popular e Os Ninguéns, convocantes da protesta, buscan "visibilizar que no Vigo de Caballero si hai desafiuzamentos", ao redor de catro novos casos por día, e "que as axudas sociais non chegan ou obrigan sortear un verdadeiro labirinto de burocracia que case sempre termina nun non". 

 

O caso de María e Israel

María (45 anos) e Israel (42) son unha parella do Calvario, con quen convive o seu sobriño Borja. El foi entrando e saíndo de traballos e ela era representante comercial, pero quedou no paro hai tres anos, sobrevivindo os tres grazas ás axudas sociais: 370 euros do subsidio de desemprego e outros 133 da RISGA, cos que teñen que pagar 400 euros mensuais de alugueiro, ademais da luz, auga e alimentación. Os propietarios da vivenda fóronlles perdoando uns recibos que hai un tempo que non poden aboar, chegando a acumular unha débeda de 10 mil euros cos seus caseiros.

Caballero "coas súas promesas non só nos faltou á verdade incumpríndoas, senón que ao facelo xogou coa dor destas familias ás que lles creou unha expectativa de solución"

Con respecto á situación á que se enfrontan estas dúas familias, a PAH de Vigo sinala que "o Alcalde de Vigo era coñecedor desta situación hai meses" e que "en reunión coa nosa Plataforma comprometeuse a solucionar non só a situación destas familias, senón que foi moito máis alá dicindo que non ía consentir ningún desafiuzamento en Vigo". Engaden que Caballero "coas súas promesas non só nos faltou á verdade incumpríndoas, senón que ao facelo xogou coa dor destas familias ás que lles creou unha expectativa de solución" pois "a realidade é que están a poucos días dun desafiuzamento".

Concentración contra os desafiuzamentos convocada por PAH Vigo, Rede Solidaria Popular e Os Ninguéns Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.