"Comeza a xerarse en Pontevedra un debate social sobre as touradas"

Cadea humana contra as touradas © Touradas fóra de Pontevedra

Pontevedra acollerá este sábado unha manifestación contra a organización de corridas de touros na cidade que se prevé histórica. A marcha, convocada pola plataforma Touradas fóra de Pontevedra, partirá ás 20 horas da praza da Peregrina, e espera superar amplamente as cifras de asistencia a mobilizacións semellantes, coma a realizada o pasado verán, que reuniu varios centos de persoas. Será o quinto ano consecutivo que se convoque esta mobilización, que ano a ano gaña asistentes e apoios, froito dun rexeitamento cada vez maior á organización destes espectáculos de tortura animal, e dun debate social cada vez máis presente nas rúas.

A propia plataforma gaña músculo e busca asentar as súas estrurutas, para manter a súa actividade todo o ano, alén das semanas que rodean a propia feira. Son conscientes de que, como está a suceder na Coruña, o seu obxectivo é de medio e longo prazo, dun traballo de anos de concienciación cidadá e de revelación das contradicións dos grupos protaurinos, comezando pola publicitación das importantes axudas públicas que reciben. Porén, mesmo o camiño máis longo comeza cun primeiro paso, e pode que nun tempo, máis curto ou máis longo, vexamos a fin dunha feira taurina que, ademais, reúne cada ano nunhas bancadas cada vez menos poboadas destacados representantes políticos de Deputación, Xunta e Goberno central, comezando polo propio presidente Rajoy. Falamos con Borxa, un dos voceiros de Touradas fóra de Pontevedra.

"Hai dez anos non había ningún movemento deste tipo na cidade, case non se falaba do tema, e hoxe este debate non deixa de crecer"

Que espectativas tedes de cara á manifestación do sábado?

Este ano estamos recibindo un apoio maior de colectivos, partidos e entidades sociais. Vemos máis repercusión das nosas accións e a plataforma está cada vez máis asentada na cidade. Comeza a xerarse en Pontevedra un debate social sobre as touradas. Hai dez anos non había ningún movemento deste tipo na cidade, case non se falaba do tema, e hoxe este debate non deixa de crecer.

"Tanto a Xunta como sobre todo a Deputación conceden importantes axudas públicas á feira taurina, aínda que nunca quedan claras cales son as cantidades exactas"

Supoño que, seguindo o traballo e a loita dos e das activistas da Coruña, concibides o voso traballo como unha loita de varios anos, non si?

O noso obxectivo é a medio-longo prazo, efectivamente. Detectamos que a xente, maioritariamente, se posiciona en contra, pero ao non estar as touradas arraigadas no noso país, tampouco existe ese debate sobre a abolición, que si hai noutros lugares. Temos que ir xerando ese debate, traballando pouco a pouco para conseguir ese obxectivo.

En que medida son importantes as axudas públicas que recibe a feira taurina? Dependen delas para a súa supervivencia?

Tanto a Xunta como sobre todo a Deputación conceden importantes axudas públicas á feira taurina, aínda que nunca quedan claras cales son as cantidades exactas. Temos que traballar para que se visibilice esa realidade. É certo que en Pontevedra si hai unha praza fixa, que non existe na Coruña, e si hai unha certa tradición e un certo público fiel. E mesmo así, con esas axudas, non conseguen encher a praza unha vez ao ano. Pero sen as subvencións públicas que recibe, o cartel da feira sería de moita menor calidade, o que atraería menos público, e polo tanto perderían moitos ingresos.

Afectan negativamente as touradas á imaxe de Pontevedra?

"O debate está nas rúas xa, e aínda que coñecemos os posicionamentos dos partidos e dos políticos, cremos que será importante que se posicionen publicamente sobre as touradas"

Pontevedra é unha cidade que ten unha grande oferta cultural, moita historia, unhas festas moi importantes, e nós cremos que iso é o que ten que atraer a xente á cidade e non un espectáculo de tortura animal, que xera unha moi mala imaxe de Pontevedra, si.

Mantivestes xa contactos cos grupos políticos representados no Concello?

Como organización aínda non tivemos contactos cos partidos políticos da cidade, nin oficial nin extraoficialmente. É unha das tarefas que temos pendentes e un dos nosos obxectivos: sentar na mesa con eles a falar deste tema. Para a organización desta manifestación recibimos o apoio do BNG, pero non do PSOE, aínda que varios dos seus deputados e deputadas no Parlamento galego si se posicionaron contra as touradas. O debate está nas rúas xa, e aínda que coñecemos os posicionamentos dos partidos e dos políticos, cremos que será importante que se posicionen publicamente sobre as touradas.

Cadea humana contra as touradas © Touradas fóra de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.